O Ribeiro camiña a Washington D.C.

Sete adegas do Ribeiro na compaña do Consello Regulador viaxan estes días a Washington D.C. para presentar os seus viños no mercado americano. A pesar da intensa nevada, as adegas Casal de Armán, Coto de Gomariz, Docampo, Nairoa, Sanclodio, Viña Costeira e Viña Mein ultiman a súa partida á capital estadounidense, no que constitúe a toma de contacto do viño do Ribeiro cos profesionais do sector no mercado americano.

O calendario da segunda fin de semana de febreiro programa a celebración dun acto de lanzamento no restaurante 'Jaleo'. No mesmo, o famoso cociñeiro José Andrés fará as delicias dos asistentes coa creación dun menú gastronómico que harmoniza as marcas das adegas presentes con deliciosos pratos inspirados no produto tradicional galego.

Un embaixador de primeira que introducirá os viños á prensa e ao mercado americano previo á participación de todos eles na Washington Food and Wine Festival, que se celebrará os vindeiros sábado e domingo no Ronald Reagan Building.