A Igrexa, disposta a acoller en terreo sagrado os restos de Franco
O Arcebispado de Madrid pide consenso entre o Goberno e a familia e asegura que acatará o mandato
A Igrexa indicou este venres que acatará o mandato legal da exhumación dos restos mortais de Francisco Franco do Val dos Caídos "unha vez sexa firme e executivo" e mostrou a súa "efectiva disposición para acoller en terreo sagrado os restos mortais dun bautizado".
Así se manifestou este venres a Arquidiocese de Madrid nun comunicado tras a aprobación do Goberno do real decreto lei co que pretende exhumar do Val dos Caídos os restos mortais do ditador, un proceso que prevé culminar ao final deste ano e no que decidirá o seu novo lugar de enterramento se a familia non o fai previamente.
"Como Igrexa non nos compete valorar a conveniencia nin a urxencia da modificación legal; si mostrar a nosa efectiva disposición para acoller en terreo sacro os restos mortais dun bautizado", subliñou a Arquidiocese.
Así mesmo, pediu que haxa "acordo entre o Goberno, as distintas opcións políticas e a familia do finado": "Sen prexuízo do anterior, a Igrexa acatará o mandato legal unha vez sexa firme e executivo", continuou.
A Arquidiocese de Madrid fixo fincapé en que o traslado dos restos mortais do ditador "deberíase facer co maior consenso posible, particularmente entre o Goberno e a familia do defunto".
Para rematar, expresou que "quere preservar a súa independencia política" e fomentar "o espírito de concordia entre todos os españois".