A castaña sobe ao barco dos produtos protexidos

A raíña dos soutos galegos xa conta co amparo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) transitoria dende comezos do mes pasado. Despois de que se cumplan tres anos de que se rexistrara a solicitude para obter o selo no antigo Ministerio de Agricultura, o produto galego poderá ser comercializado en todo o territorio español baixo a marca ‘Castaña de Galicia’.

É o máis sonado de entre os froitos da temporada de inverno na comunidade. De feito, é o primeiro en volume de produción e facturación. Cada ano recóllense entre 10.000 e 15.000 toneladas de castañas, aínda que nos dous últimos a colleita foi escasa debido ás inestables condicións meteorolóxicas, que impediron que agromaran nunha maior proporción. Parte da colleita non sae ó mercado, ó quedar para autoconsumo.

Protagonista a partir do mes de outubro e ata chegado o Nadal, a castaña é a razón de ser dunha das festas máis ancestrais da nosa terra, o magosto. Nesas datas non queda ningún recuncho de Galicia onde non se coman as castañas asadas á beira do lume.

O seu recordo evoca momentos precarios da sociedade galega, cando era considerada o pan dos pobres, aínda despois da chegada da pataca. Nos nosos días a castaña conserva toda a tradición e chegou a revalorizarse, converténdose na principal materia prima do marrón glacé, considerado unha das máis exclusivas ‘delicatessen’.

Regulamento: condicións da produción
O selo avalará tódalas variedades que medren en distintas zonas da comunidade. En concreto, estarán amparadas as castañas recollidas en todo o territorio da provincia de Ourense, onde o produto ten unha importancia destacada ó aglutinar máis da metade da produción anual, e na maior parte das comarcas da provincia de Lugo.

Os concellos mariñáns de O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo son os únicos que non entran na IXP. O ámbito de protección tamén abarca as bisbarras coruñesas de Terra de Melide e os concellos de Arzúa e Boimorto, pertencentes á comarca de Arzúa. Na provincia de Pontevedra, están incluídas as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes e os concellos de A Lama, Cotobade e Campo Lameiro, da comarca de Pontevedra, e o de Cuntis, na bisbarra de Caldas.

Segundo o regulamento oficial da indicación, estas áreas teñen unhas condicións pluviométricas, térmicas e de solos “óptimas” para o cultivo de castaña de calidade.
O produto poderase poñer á venda en fresco ou conxelado, mediante formatos de envasado dende os 500 gramos ata os 25 quilos. Ademais, outros alimentos como o marrón glacé, as castañas en almíbar, fariñas e outros derivados feitos a partir do produto avalado pola IXP, poderán incluír na súa etiquetaxe o carimbo de ‘Castaña de Galicia’.

A norma esixe que a recollida se faga “coa dilixencia necesaria para asegurar a súa calidade” e se introduzan ‘in situ’ en embalaxes de rede para garantir a ventilación, que deben levar unha etiqueta na que figure a data e o lugar da recolección.

Dende o Instituto Galego da Calidade Agroalimentaria (Ingacal), o órgano dependente da Consellería de Medio Rural encargado do control e certificación do produto, comezaron hai semanas a desenvolver os trámites para crear os rexistros de produtores, comercializadores e almacenistas en fresco e industrias de procesado.

Os técnicos realizaron visitas a varias fábricas e a produtores, unha primeira toma de contacto para coñecer a situación do sector e as posibles repercusións da IXP. A xefa do Departamento de Protección da Calidade Diferencial, Ana Fernández, asegura que percibiu “boa disposición” por parte dos axentes do sector a acollerse á indicación.

O Ingacal traballa man a man co Consello Regulador da indicación, que se constituíu de xeito provisional, para levar a cabo as primeiras actuacións. O presidente do organismo e propietario da empresa transformadora Alibós Galicia, Jesús Quintá, amósase esperanzado polo «recoñecemento a un produto noble, que xa ten un nome feito a nivel nacional e internacional". Para Quintá, o fundamental é establecer un regulamento.

"O sector estaba abandonado da man de Deus. Ata o de agora era totalmente anárquico e había unha desinformación total, sobre todo entre os produtores". O número de persoas que se adican á recollida de castañas é moi elevado, podería chegar ás 3.500 segundo o Ingacal.

Unha das principais medidas é orientar a política de plantacións axeitadamente, e isto pasa por separar as árbores destinadas á produción de madeira das orientadas á froiteira. O responsable do consello avoga por crear soutos coas mellores variedades, nos que os castiñeiros estean separados entre si a unha distancia de máis de cinco metros, para que non se impidan entre eles o correcto desenvolvemento da produción. “O futuro pasa pola optimización do rendemento das colleitas para acadar un nivel de produción estable e cunha alta calidade”, conclúe Quintá.

Variedades: máis de 80
Longal, famosa, amarelante, parede, garrida ou negral. Son os nomes dalgunhas das variedades que se cultivan na comunidade. Pero a lista é moito máis longa, xa que hai estudos que recollen máis de 80 tipoloxías distintas. En cada zona medran clases diferentes. De feito hai nomes que fan alusión á comarca na que mellor se dan, como é o caso da luguesa ou a courelal. A tipoloxía e composición do terreo e as condicións meteorolóxicas fan que as clases se adapten mellor a unha zona que a outra.

Hai variedades máis apropiadas para a venda en fresco ou para o procesado industrial, tamén as hai que teñen aptitudes mixtas. Nesta liña, o presidente do órgano rector opta por derivar as plantacións cara ás variedades de máis calidade, de gran tamaño e fácil pelado.

Pese á gran riqueza que supón esta diversidade, dende as industrias din que esta situación merma a calidade xeral do produto, porque “non podemos procesar un saco no que se mesturen varias clases, unhas máis maduras ca outras ou con sabores moi diferenciados. Hai que intensificar a labor de selección", comenta Quintá, "mediante un plan de escolla das mellores variedades, axeitadas a cada zona".

Mercados: exportacións e importacións
“Galicia é unha potencia na fabricación e comercialización, as principais industrias transformadoras e envasadoras están na comunidade”, sinala Quintá. Mais no ámbito da produción a situación é moi mellorable, porque o que se recolle aquí non abonda para abastecer ás industrias. Falando de cifras, entre o 30% e o 40% do produto que se procesa vén de fóra, concretamente da comarca do Bierzo (León), de Portugal ou de Italia. “E cada vez impórtase máis”, asegura o empresario de Monterroso.

Nos últimos anos, debido á escaseza da colleita autóctona, detectouse a entrada de produto de orixe chinés e turco, que se vendía como galego. “A IXP tamén axudará a evitar este tipo de fraudes, que lle fan moito dano ó noso produto”.

Pola contra, o lado positivo vén da man das vendas. O éxito de 'manxares' coma o marrón glacé, as castañas en almíbar ou mesmo do propio produto en fresco, exténdese por todo o mundo. O 90% dos produtos transformados van dirixidos á exportación e no caso das castañas ó natural, a metade véndense fóra. Os mercados de EE .UU., Xapón, Hungría, Latinoamérica ou dos países árabes, xunto con boa parte dos europeos, son os principais destinos das castañas galegas.

Dentro do Estado, a maior compradora é Barcelona, seguida de Madrid e Zaragoza. O responsable do órgano regulador espera que a IXP fomente o consumo dentro da comunidade, xa non tanto da castaña en fresco, senón dos produtos elaborados, nos que traballan máis de cinco fábricas na comunidade. A Consellería agarda que funcione coma un complemento das rendas dos traballadores do rural galego.