O D.O. Rías Baixas coñece Londres

Os viños da Denominación de Orixe (D.O.) Rías Baixas serán promocionados a partir deste martes en The National Gallery de Londres. O motivo desta campaña é a exposición 'Picasso e os Grandes Mestres', que abrirá as súas portas a finais de febreiro e que se prolongará durante case tres meses.

A responsable de promoción do consello, Eva Mínguez, destaca a importancia de protagonizar este evento, ao tratarse dun mercado ''fundamental para os nosos viños que están considerados como brancos de calidade''.

Os viños de Rías Baixas serviranse en tres recepcións, organizadas pola Nacional Gallery, para os seus clientes e patrocinadores que terán lugar o martes e o mércores, así como o próximo 2 de marzo. En cada unha destes actos está prevista a asistencia dunhas 400 persoas ''pertencentes a sectores dun nivel socioeconómico medio-alto'' da sociedade británica.

Durante os case tres meses que a exposición estará aberta ao público esta institución acollerá numerosas recepcións e ceas ás que estarán invitados representantes da sociedade londiniense, que poderán probar os viños de Rías Baixas.

Gran Bretaña ocupa o segundo lugar no escalafón de importadores dos viños desta denominación, con 347.182 litros. De feito, este consello regulador é un dos expositores habituais na feira London Wine, unha das mostras máis prestixiosas do sector a nivel mundial.