Os alcaldes da área da Coruña piden conectar a Vía Ártabra coa AP-9 sen peaxe

Os alcaldes da Coruña, Oleiros, Bergondo, Abegondo, Betanzos, Sada, Arteixo, Cambre e un portavoz de Culleredo reuníronse este martes para pedir á Xunta de Galicia que a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 estea libre de peaxes. Expoñen unha conexión alternativa entre estas dúas vías, que esperan que estude o Goberno autonómico. 

Xulio Ferreiro asegura, a través dun comunicado, que a idea que propoñen é "máis barata para o erario público e para a cidadanía porque está libre de peaxes". "O que lle pedimos á Xunta é que se cuantifiquen as dúas solucións para saber se compensa a que propomos, que se analicen as dúas, así teremos aberto o camiño para conectar nun futuro a vía coa A-6", apuntou.