Nova xornada de choivas persistentes en Galicia

Unha nena cun paraugas camiña acompañada da súa nai por unha rúa de Lugo. ELISEO TRIGO

Os chuvascos poderán ir acompañados ocasionalmente de tormentas de saraiba e aparello eléctrico

Este mércores Galicia continuará baixo a influencia das baixas presións e con entrada de aire frío en altura, o que traerá moita inestabilidade. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé para este mércores precipitacións persistentes na comunidade, sen descartar que os chuvascos sexan puntualmente fortes e que vaian acompañados de tormentas ocasionais con saraiba e aparello eléctrico. As temperaturas, iso si, manteranse estables, con xeadas débiles nas montañas de Ourense.

A cota de neve —de 1.600 a 1.800 metros— irá diminuíndo ao longo do día ata acabar nos 1.000/1.200 ao final da xornada.

Os ventos soprarán de oeste pola mañá, noroeste a partir do mediodía, con intervalos fortes no litoral e zonas altas do interior.

Segundo Meteogalicia, os termómetros non baixarán dos 8 graos nas grandes cidades galegas. É a temperatura mínima prevista para Lugo e Ourense, mentres que en Pontevedra non caerán por baixo de 10. En canto ás máximas, en Vigo e Ourense chegarase aos 16 graos, pero na cidade da muralla non se superarán os 14 e na Boa Vila os 15.