Pesca anima aos máis pequenos a comer peixe

C:UsersippPicturesGALGASVARIASINTERIOR_sonche_xan_.jpg

Animar aos máis pequenos da casa a consumir peixe, como parte esencial dunha dieta equilibrada. Este é o principal obxectivo da campaña ‘Sonche Xan!', que está a desenvolver ao longo de todo o ano 2008 a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta.

Pesca pretende ademais fidelizar ao personaxe central da campaña (Xan) como referente dun consumo divertido e axudar aos pais e nais a incluír os produtos do mar na alimentación dos nenos, como integrante esencial dunha dieta saudable e normalizada.

A última aparición pública de Xan foi a finais do pasado mes de xuño na Coruña. Estivo no “Oceanus 2008 Festival dous Mares”, que se celebrou na cidade herculina entre os días 26 e 29. Neste certame, organizado polo Concello coruñés, desenvolveuse o obradoiro “Aprende a comer peixe con Xan”, no que o debuxo animado de estética manga que protagoniza a campaña achegou aos nenos os beneficios derivados da inxesta de produtos do mar.

Composición nutricional
A campaña desenvolvida por Pesca persegue outras finalidades, como dar a coñecer a composición nutricional do peixe e os seus beneficios para a saúde, así como as distintas presentacións, elaboracións e conservación dos produtos do mar; difundir a diversidade de alimentos de orixe mariña e lograr que os máis pequenos se familiaricen co traballo no mar e a importancia que ten a pesca para Galicia.

Xan estivo e estará presente en competicións deportivas, centros comerciais e outros lugares nos que estea prevista a asistencia de nenos e nenas. Nestes encontros, o personaxe anímalles a comer peixe e distribúe camisetas, mochilas e outro material de reforzo da campaña, así como a publicación “O Libro de Xan”, con información sobre a mesma, receitas, pasatempos e fichas para colorear.