Privat Laietá reserva brut nature

vino-1.JPG

Maridaxe: Ensalada de lagosta e aguacate. Graos: 12% vol. Temperatura de consumo aconsellada: ao redor de 7º

Haberá que continuar o camiño sen tempo a recuperarse de festas, santos e vendimas. Os viños da Ribeira Sacra quedan fermentando e hai que cruzar a península en busca dun cava de agricultura ecolóxica. Entre  Alella e Tiana hai un selecto cava elaborado a partir de uvas ecolóxicas. Alta Alella S.L. leva máis de 20 anos cultivando cepas baixo a certificación de agricultura ecolóxica e recuperou viñas de máis de cincuenta anos que hoxe serven para elaborar os viños e cavas desta adega. Este caldo preséntase nunha esvelta e atractiva botella cónica, encapsulada de prata e en cuxa etiqueta se pode ler «Acabat de Degollar».

Cata

En vista móstrase cor amarela pallizo con reflexos dourados. Limpo e brillante, de burbulla fina e elegante. Nariz de boa intensidade, destacan aromas cítricos e froitas brancas, con notas de bolería sobre un interesante fondo mineral.

En boca móstrase intenso e fresco, cítrico con notas amargas e de fermentos, cremoso e seco.