Sábado de choiva e temperaturas en descenso

Mapa coa previsión de Meteogalicia
 A cota de neve estará situada nos 1.200 metros ao principio da xornada e irá en progresivo ascenso

Como xa se converteu en habitual este mes de novembro —que apunta a converterse no máis húmido da década—, este sábado estará unha vez máis marcado pola choiva. A inestabilidade atmosférica persiste en Galicia pola presenza dunha borrasca situada en Francia, de forma que os ceos estarán parcialmente nubrados con precipitacións de tipo intermitente.

 A cota de neve estará situada nos 1.200 metros ao principio da xornada e irá en progresivo ascenso.

En canto ás temperaturas, experimentarán un lixeiro descenso. As máis baixas das sete grandes urbes galegas rexistraraas Lugo, onde se espera que os termómetros caian ata os 6 graos, fronte aos 7º de mínima en Santiago ou os 8º de Pontevedra. Será precisamente a Boa Vila a cidade que alcance o valor máis alto, 14 graos, fronte aos 11º aos que se chegará de máxima na capital lucense.

Este venres, en cambio, foi a provincia de Ourense a que rexistrou temperaturas extremas de case 17ºC e -1ºC, mentres o temporal de vento azoutaba a comunidade, con refachos de case 134 quilómetros por hora en Lugo e choivas acumuladas de máis de 80 litros por metro cadrado na Coruña.

A estación lucense de Penedo do Galo, en Viveiro, rexistrou ventos a 133.8 km/h, seguida dos que recibiu Malpica, na Coruña, a 117.7 km/h pola tarde.