San Xiao de Mos enxalza o día 26 o seu produto estrela

A pequena parroquia de San Xiao de Mos, no termo municipal de Castro de Rei, enxalzará este domingo 26 o seu produto estrela. A Expo Degustación da Galiña de Mos, que celebra este ano a súa quinta edición grazas ao traballo organizativo dos criadores José Manuel Fernández Castro e Carlos Silvosa Piñeiro, espera reunir a preto de 700 comensais nunha xornada na que todos os presentes poderán degustar suculentos pratos coa raza autóctona chairega como protagonista.

O menú, que se servirá a partir das 12.30 horas nunha carpa instalada no campo da festa, será calcado ao doutros anos e constará de pito asado con patacas, ovo frito, torta de Santiago e queixo como sobremesa.

Este non será ademais o único atractivo da xornada, na que tamén haberá casetas de exemplares desta raza autóctona, criados por produtores de distintos puntos da comarca de Terra Chá, que poderán ser visitados ou adquiridos a partir das 10.30 horas.

Do mesmo xeito que ocorreu na última edición, tamén haberá expositores de artesanía e produtos feitos a man de artesáns locais, así como un apartado para a maquinaria agrícola.

A xornada festiva en San Xiao de Mos prolongarase durante todo o día, coa actuación da agrupación vilalbesa Pandereteiras de Andrade, que se unirá, ao redor das 15.30 horas, o dúo Novedad.

Durante a xornada vespertina, os promotores desta iniciativa que vai gañando peso co paso das edicións, programarán actividades para os máis pequenos, que poderán gozar dunha xornada inesquecible grazas práctica de xogos populares, aos que seguro que se sumarán algúns adultos.