Turquía será o país convidado en Termatalia 2009

Turquía será o país convidado da novena edición de Termatalia, Feira Internacional do Turismo Termal que terá lugar en Expourense entre o 16 e o 18 de outubro vindeiros. A través da participación deste país como convidado, Termatalia amplía a Eurasia o papel de ponte termal que dende hai varias edicións desenvolve entre Europa e América Latina.
 
Turquía terá unha forte presenza en Termatalia. Contará cun stand dende o que presentar a súa inmensa oferta termal caracterizada polos tradicionais “Hamam” (baños turcos) e polos grandes complexos de talasoterapia ubicados principalmente na súa costa mediterránea.

Ata Termatalia desprazarase unha delegación integrada por representantes do goberno turco; importadores de bens de equipo que participan na misión organizada polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX); prescriptores internacionais procedentes de medios de comunicación especializados en turismo de saúde e unha quincena de empresas provedoras de produtos e servizos vencellados a este sector.

Entre os membros da delegación turca destaca a presenza do presidente da Asociación Internacional de Hidroloxía Médica, o Dr. Zeki Karagulle, que impartirá a conferencia inaugural da Xornada de Hidroloxía Médica que terá lugar o xoves 15 de outubro e coa que dará comezo o IV Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo.

A presenza de Turquía como país convidado ten a súa orixe na promoción que Termatalia ten feito nos seus principais foros especializados como é o caso do II Congreso Internacional en Turismo de Saúde celebrado en Antalya (que acolleu unha presentación da feira española), a feira Anfax Hetex (organizada na mesma cidade e coa que Termatalia creou unha rede mundial de feiras especializadas) ou Beauty Eurasia (celebrada en Estambul o pasado mes de xuño). Na actualidade, Termatalia conta cun delegado en Turquía que é o encargado de abrir a feira de cara ó mercado asiático.

Turquía, destino de saúde

Con máis de 8.000 kilómetros de costa, 1.300 mananciais e séculos de historia dos tradicionais “Hamam”, Turquía convértese no destino ideal para o turismo de saúde. A creación, no ano 2000, da Asociación Turca de Balnearios, Spas e Talasos (a Turkish Spas Thalasso and Health Resorts Association, TURKSPA), entidade asociada á Asociación Europea de Balnearios (European Spas Association, ESPA), supuxo o impulso no número de centros termais e complexos de talasoterapia que creceu enormemente nos últimos nove anos debido ó novo regulamento de licenzas de balnearios e a fortes investimentos.

Pero Turquía é ademais o destino elixido para o turismo de saúde en sentido literal. A oferta dos centros termais e de talasoterapia do país, aínda estando enfocados ó benestar, a beleza ou á relaxación, cumpren un papel como centros terapéuticos para o tratamento de enfermidades dermatolóxicas ou reumatolóxicas que poden mellorar grazas á balneoterpia. E é que cada ano Turquía recibe millóns de turistas que acoden a este país para someterse a tratamentos médicos ou estéticos a un prezo inferior ca no resto de países de Europa