Morre Bourdain, o irreverente chef que deu voz a todas as cociñas do mundo

Anthony Bourdain durante a gravación dun programa de televisión en Lisboa. EFE/Jose Sena

Bourdain foi achado morto na habitación dun hotel polo seu amigo francés Éric Ripert, propietario do restaurante Lle Bernardin de Nova York

As cociñas de Armenia, Omán, Uruguai e Nixeria son só algunhas dos centenares de gastronomías que o chef neoiorquino Anthony Bourdain achegou a millóns de fogares ao redor do planeta ao longo da súa dilatada carreira televisiva, que estivo marcada polo seu carácter irreverente.

SUICIDIO. Bourdain aforcouse, segundo a Fiscalía francesa, na súa habitación de hotel en Kaysersberg (este de Francia), lugar no que se atopaba traballando nun episodio sobre a cociña de Estrasburgo para o seu programa "Parts Unknown", da canle estadounidense CNN.

O chef estadounidense, ademais, visitara recentemente Asturias, onde rodou un capítulo co cociñeiro español José Andrés, amigo seu.

Este é o punto final da vida dun dos chefs máis queridos e aclamados do panorama estadounidense, un home que soubo sacarlle partido ao seu humor, carisma e coñecemento sobre o sector gastronómico para construír unha figura amplamente respectada.

Débedas. Antes de alcanzar a fama aos 44 anos, tras publicar o éxito de vendas "Confesións dun chef", Bourdain recoñeceu en varias entrevistas que a súa situación financeira era deplorable: debía enormes cantidades, non dispuña de seguro médico e, incluso, non podía pagar o aluguer.Falou tamén sen andrómenas das súas pasadas adiccións a diferentes drogas, unha etapa que logrou superar a mediados dos oitenta.

"Foi o meu amor, a miña forza e o meu apoio", escribe a actriz Asia Argento tras a morte da súa parella