Evacuado en helicóptero un home que foi atropelado na Pobra do Caramiñal
Un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago desprazouse ao municipio da Pobra do Caramiñal para atender a un home que foi alcanzado por un turismo, informou o 112.
O accidente produciuse ás cinco desta tarde na Rúa Devesa. Segundo explicou a persoa que contactou co 112 Galicia, o home foi atropelado por un turismo cando atravesaba por un paso de peóns.
Casualmente, unha médica que pasaba pola zona fíxolle unha primeira exploración e localizou un forte golpe na cabeza. Ademais, sinalou que o ferido estaba inconsciente. Finalmente, a persoa foi evacuada de urxencia ao Hospital Clínico a bordo do helicóptero con base en Santiago de Compostela.
Os xestores do 112 Galicia puxeron en marcha o operativo logo de recibir a chamada dunha persoa particular. Ademais dos profesionais de Urxencias Médicas, desde o Centro de Atención ás Urxencias de Galicia informouse aos axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Ribeira e aos voluntarios de Protección Civil.
ACCIDENTE EN ESGOS. Así mesmo, un condutor quedou atrapado no interior do vehículo que manexaba tras saírse da vía. Ocorreu ás 15:30 horas deste mércores na OU-536, ao paso polo concello ourensán de Esgos.
A situación na que quedou o vehículo impedía saír ao condutor, que tivo que ser excarcerado polos membros do GES de Pereiro de Aguiar. Con todo, o home, único ocupante do turismo, estivo consciente e, en canto foi liberado, recibiu asistencia médica.
Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar o suceso. A partir de aí, os xestores avisaron a Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e GES de Pereiro de Aguiar.