Un ferido tras arder o seu vehículo ao saírse da vía en Boimorto
Unha persoa resultou ferida na madrugada deste luns tras arder o seu vehículo ao saírse da vía mentres circulaba pola DP-1004, á altura da parroquia de Arceo, no concello coruñés de Boimorto, informou o 112 Galicia.
Segundo a información facilitada aos xestores do centro de emerxencias polos equipos de intervención que acudiron ao lugar, o turismo saíuse da vía e finalizou parcialmente mergullado nun río.
O ocupante puido saír do vehículo polos seus propios medios, pero, nada máis abandonalo, iniciouse un lume no interior do coche.
O accidente tivo lugar ás 00:45 horas da madrugada deste luns e ata o lugar acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Arzúa e tamén os membros de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os servizos de emerxencia trataron de extinguir o lume, que calcinou por completo o vehículo- e a persoa ferida puido ser atendida polos profesionais sanitarios.