Feridos cinco operarios nunha explosión rexistrada na fábrica de Finsa en Padrón

Incendio en la fábrica de Finsa, en Padrón. TVG

A deflagración rexistrouse mentres os operarios realizaban tarefas de aillamento nunha zona de tubaxes e unha delas reventou

Cinco operarios resultaron feridos, un deles de carácter grave, nunha explosión rexistrada na tarde deste martes nunha fábrica de Padrón.
 
Segundo informaron a Europa  Press fontes da Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia, o suceso produciuse pouco despois das 15.30 horas, cando se rexistrou unha explosión nunha planta de Finsa situada no lugar de Iria Flavia, en Padrón. 

Os servizos de emerxencias apuntaron que a deflagración produciuse mentres os operarios realizaban tarefas de illamento nunha zona de tubaxes e unha delas rebentou. Como consecuencia, produciuse un pequeno incendio que foi sufocado polos propios traballadores. 

Ata a zona desprazouse o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, que trasladou ao Complexo Hospitalario da Coruña ao ferido grave, un home de 38 anos que entrou na unidade de queimados. 

​A maiores, desprazáronse varias ambulancias do 061, que trasladaron ao resto de feridos, en estado leve. En concreto, dúas persoas, de 51 e 53 anos, foron levadas ao Hospital Clínico de Santiago, mentres que outros dous, de 26 e 28 anos, foron derivados ao hospital  HM Rosaleda, tamén da capital galega.