Un mozo vilalbés falece en Sancovade ao precipitarse desde un camión guindastre

Lugar onde faleceu o home. M.R.

O home foi trasladado ao Lucus Augusti, onde ingresou en estado crítico

Un mozo vilalbés de 38 anos, con iniciais M.A.R.P., faleceu este venres pola mañá tras precipitarse desde un camión guindastre nunha compra venda da parroquia de Sancovade, segundo indicaron desde o 112 Galicia.

Os feitos ocorreron minutos antes das once e media, cando un particular alertou á central de emerxencias solicitando asistencia para un home que caera dun vehículo, quedando atrapado entre dúas máquinas.

Ata o lugar desprazouse unha ambulancia asistencial do 061, que se encargou de trasladar ao ferido ao Hospital Lucus Augusti, onde ingresou en estado crítico e, pouco despois, faleceu.