Os pais de Godella, na enfermería da prisión con control antisuicidio

Axentes investigan a morte dos dous nenos en Godella. MANUEL BRUQUE

Ambos contan con vixilancia adicional doutro preso de apoio

Os pais dos dous nenos achados mortos o pasado xoves en Godella, en Valencia, permanecen recluídos na prisión de Picassent, concretamente na enfermería de cada módulo e sometidos a protocolo antisuicidio, polo que ambos contan con vixilancia adicional doutro preso de apoio.

O titular do Xulgado de Instrución número 4 de Paterna decretou o sábado o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o pai dos dous fillos, un neno de tres anos e medio e un bebé de cinco meses, en tanto que este domingo acordou a mesma medida para a nai á que considera autora do crime.

O xuíz desprazouse ao centro hospitalario de Llíria para tomar declaración á detida e ditou despois o auto de prisión, polo que foi trasladada á prisión de Picassent.

Fontes próximas á investigación do caso indicaron a Efe que, tras cumprir o procedemento habitual do ingreso en prisión como a toma de pegadas, fotografías e entrevistas co servizo médico, a dirección da prisión tomou a decisión de que tanto el como ela ingresasen directamente nas dúas enfermerías que hai no cárcere, a dos homes e a de mulleres.

Ademais, acordou pór en marcha o protocolo antisuicidio, o que significa que tanto o pai como a nai dos pequenos contan coa vixilancia doutro recluso considerado de confianza para a prisión e denominado "preso de apoio" ou "sombra".

Fontes da investigación sinalaron este domingo a Efe que ao parecer a muller sofre desequilibrio mental e tiña alucinacións, e o día do falecemento dos nenos tivo un brote psicótico.