Un incendio queima un galpón con animais xunto a unha casa no Carballiño

Cinco das galiñas que había no recinto no momento do lume pereceron

Un incendio calcinou na madrugada deste martes un galiñeiro situado á beira dunha vivenda nun terreo particular, na estrada do Polígono Industrial do Carballiño, en Ourense.

Segundo informou o 112, no interior do galpón afectado polo lume refuxiábanse pitos e galiñas, dos cales, cinco, non se puideron salvar.

O 112 Galicia recibiu o aviso pasados uns minutos das 00.00 horas deste martes cando varios particulares alertaron ao persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia. Segundo aseguraron, vían lume nunha zona de monte sen poder concretar o lugar exacto.

Por iso, o CAE 112 Galicia alertou aos membros do servizo de extinción. Tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Policía Autonómica, Policía Local e de efectivos de Protección Civil.