Un parapentista resulta ferido na praia de Razo, no municipio de Carballo
Un parapentista resultou ferido este sábado na praia de Razo, en Carballo (A Coruña), ao caer desde unha altura duns 10 metros. En concreto, o accidente produciuse ao fío das 13.30 horas, tras o que un particular informou ao CAE 112 Galicia.
Segundo indicou o 112, nada máis recibir a chamada do alertante pasou aviso a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Carballo, a Protección Civil e aos axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica. Tamén se informou á torre de control do aeroporto de Alvedro.
Os servizos de urxencia desprazados ao lugar indicaron que mentres o parapentista trataba de aterrar, un refacho de vento desviou a traxectoria do deportista e provocou que chocase contra un farol -reparado por persoal do Concello de Carballo- e que caese ao chan. Debido ao accidente, o ferido foi trasladado ao Hospital Modelo da Coruña.