Unha pelexa no campo da festa de Touro sáldase cunha persoa inconsciente
01 de agosto de 2016 (22:54 h.)
A discusión orixinouse cando os implicados trataban de instalar un posto de venda na Festa de Quión
Unha persoa tivo que ser atendida este luns a consecuencia dos golpes que recibiu durante unha pelexa cun familiar no campo da festa de Touro. Segundo informa o servizo de atención ás urxencias, a vítima chegou a perder a conciencia.
Un particular contactou co 112 para pedir axuda e a partir de aí os xestores do 112 activaron un operativo no que participaron as forzas da orde e os voluntarios de Protección Civil. Ademais, un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago acudiu a socorrer ao ferido.
O incidente ocorreu logo das 13.00 horas, cando os implicados trataban de instalar un posto de venda na Festa de Quión.