Opinión

M. no tempo da pintura

A inauguración en Pontevedra da Fundación Manuel Moldes, xusto ante o que sempre foi o seu estudo, tece un fío eterno coa cidade a partir da exhibición da súa obra, da súa divulgación, conservación e mesmo dende a complicidade con outros creadores.
May Díaz Cacheda, viuda de Manuel Moldes, ante una de las obras del artista. GONZALO GARCÍA
photo_camera May Díaz Cacheda, viúva de Manuel Moldes, ante unha das obras do artista. GONZALO GARCÍA

CANDO se veñen de cumprir seis anos do seu pasamento, Pontevedra e Galicia acollen a feliz nova da apertura na súa cidade, á que nunca renunciou, na que sempre creou e á que converteu en moitos momentos en protagonista da súa obra, da Fundación Manuel Moldes. Un espazo para a creación e a cultura que, ante o que foi o seu estudo, na rúa Benito Corbal, amosará de xeito permanente boa parte da súa obra, ao tempo que nunha das dúas salas que conforman ese lugar, serán outros artistas os que unan o seu facer ao do pintor pontevedrés.

Activo fundamental da plástica galega dende os anos 70 ata o mesmo ano do seu pasamento, un 2017 que se lembrará sempre como o da súa gran exposición Pontevedra Suite no Museo de Pontevedra e que por esa proximidade temporal levou á exclusión destas pezas da mostra que ata o 30 de marzo se poderá ver no edificio da Xunta, no oitavo andar que ocupa de xeito completo a Fundación Moldes con esas dúas salas adicadas á exposición e outros espazos vencellados á conservación, estudo e análise da obra do pintor. Cúmprese así o desexo da súa familia de manter acesa a lumieira da súa arte, a súa conexión coa sociedade e todo iso acadando as infraestruturas precisas para o coidado e mantemento do seu legado artístico. O apoio da Consellería de Cultura levou a ter á disposición da Fundación Moldes un espazo de calidade ao que agora toca encher de contido para seguir na difusión do pintor que nacera en Pontevedra en 1949 e que, tras realizar estudos de Arquitectura en Madrid, licenciouse en Belas Artes na Facultade de Cuenca. Os anos setenta serán os das súas primeiras exposicións, a destacar as da Praza da Princesa de Vigo, auténtico xermolo do que sería poucos anos despois a eclosión do movemento Atlántica, do que formou parte dende a súa orixe. En 1990 acada a Medalla de Ouro da Bienal de Arte de Pontevedra e cinco anos despois ingresa no corpo docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o que o leva a manter dende entón un contacto directo coa mocidade e os novos creadores, que se traslada mesmo ao exterior das aulas. No ano 2003 unha exposición antolóxica amosa a forza da súa obra no CGAC e confirma a súa traxectoria como unha das máis relevantes da plástica galega nas últimas décadas. Dous anos despois ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes.

Este percorrido vital é o que se traslada as salas que acollen todo ese itinerario, pero dun xeito plástico que vai dende a frescura dos seus primeiros apuntamentos da cidade de Pontevedra con dezaséis anos ata a derradeira obra que pintou, pertencente a súa serie de As bañistas do Lérez, na que recuperou a natureza e a memoria íntima dun río que non poucas veces fluiu polas súas obras. Entre elas os anos 70, Atlántica, a figuración dos anos 80, series como as dos Vieiros, os Links ou os seus Encerados, o seu exército de soldados para facer fronte á crisis económica, ata ese tempo final de retorno á orde coa súa contorna, máis vencellada ás lembranzas sensoriais e sensualidades dunha pintura que arrincaba cara un ámbito cheo de posibilidades que se viu interrumpido de xeito inesperado polo seu pasamento. Todo este percorrido ten tamén unha serie de desafíos propostos dende a confrontación de obras que, reflectindo motivos semellantes, a distancia temporal entre as obras permite facer novas lecturas dende as diferentes linguaxes propostas por Manuel Moldes en cada un deses tempos.

Do mesmo xeito a exposición tamén amosa o que pode ser a propia fundación, isto é, o interese pola difusión e coñecemento dunha traxectoria, o facer fincapé en pezas pouco coñecidas, como varias das que aquí se amosan, entre elas o gran tríptico que se amosou na exposición do colectivo Atlántica no Centro Cultural de la Villa en Madrid en 1981, e que serviu de presentación ao grupo na capital, ou a restauración das obras danadas polo paso do tempo, como foi o caso deste mesmo tríptico que estivo sometido a un proceso de restauración.

Pezas que coexistirán, ao remate desta exposición, coas doutros creadores, fundamentalmente novos ou que arrinquen a súa traxectoria, como xeito de manter unha das moitas implicacións coa sociedade, como foi a que mantivo Manuel Moldes cos estudantes e creadores máis novos no tempo da pintura, no tempo de Manuel Moldes. Sempre M.

Comentarios