lunes. 26.10.2020 |
El tiempo
lunes. 26.10.2020
El tiempo

O paradoxo de Bradbury

Os aniversarios de escritores sirven para matalos unha e outra vez, cada ano. Acaban como mártires da súa propia causa, mesmo aqueles que non foron grandes defensores do seu propio ego, que son os menos.

ANDAMOS NO centenario do nacemento de Ray Bradbury (Waukegan, Illinois, 1920. Los Ángeles,  2012)  e lonxe do que digan os tópicos, non foi o escritor que se adiantou ao seu tempo. Foi o autor que soubo ver o futuro naquilo que xa estaba pasado. Foi un autor norteamericano e, quizais, para esta circunstancia tivo dous lixeiros inconvintes: non tivo biografía e fixo carreira moi lonxe das academias. Non se pode dicir que fracasara, pero quizais aínda hoxe, cen anos despois do nacemento, parece que lle falta algo para situarse na mesma altura que os grandes do século do seu barrio distópico: Orwell ou Huxley, por exemplo.

Bradbury tivo biografía, claro, pero non tivo unha desas que contan, como Orwell, como Kerouac, como Hemingway. Bradbury non tivo unha biogafía literaria como hai escritores que hoxe non teñen Facebook ou Twitter. No marchou contar guerras desde bares, pero foi un escritor con vocación que fixo un percorrido raro para un escritor europeo, quizais raro para un escritor intelectual, pero que ten sentido para quen o entende como literatura de evasión. Hai un certo desenganche no termo evasión cando se refire a literatura. En moitos sentidos, Bradbury foi percibido así, pero non o era. Ray Bradbury, quizais marcado por como se deu a coñecer, foi lido como un autor de xénero, igual que tantos que agora escriben policial, pero esa non era a súa intención.

O escritor, fillo de norteamericano e sueca inmigrada, rexeitou sempre o de ser un autor de ciencia ficción e, mesmo con poucas lecturas da súa obra, se percibe que non é así. Esa ficción que propón Bradbury ten un decorado de futuro, pero todo o resto é ser humano na súa máis ampla identidade atemporal. Non se pode xulgar o teatro polos decorados nin a literatura pola apariencia. No fondo, o autor de Crónicas marcianas (1950) é un lírico adoecido polo presente da especie humana e por esa manía de cometer os mesmos erros unha época tras outra. Pero esa parte, que é a substancia da súa obra non foi tan tida en conta porque, así son as academias, Bardbury viña doutro lado. Pero non se pode dicir que o escritor fracasara.

O outro cualificativo que adubía a súa biografía é prolífico. Un escritor sen descanso con 27 novelas rexistradas e máis de 600 relatos breves que non inclúen nin guións para televisións, nin adaptacións para cine, nin programas de radio, nin eses espazos nos que, como fixo Hitchcock, o autor de O home ilustrado (1951) falaba un tempiño antes de introducir ao espectador en historias que Iker Jiménez consideraría normais. Cando un escritor escribe non ten demasiado tempo para cazar elefantes en África.

Bradbury aficionouse á lectura con revistas de relato breve que para a cultura europea contemporánea son impensables. Eran revistas de xénero, de quiosco

Ray Bradbury viña dos quioscos, que son establecementos en perigo de extinción e que, a pesar de que teñen moitos libros para vender, non son sempre ben entendidos por xentes librescas. Bradbury aficionouse á lectura con revistas de relato breve que para a cultura europea contemporánea son impensables. Eran revistas de xénero, de quiosco. Revistas con historias de terror, ou de fantástico, ou de argumentos que en xeral non son considerados gran literatura e, en función de quen lea, nin sequera literatura. Pero así foi como o escritor chegou á escrita. Podemos dicir que chegou pola súa conta e sen academia.

Estamos nos comezos dos anos 30 e os seus pais acaban de trasladarse desde Wuakegan, unha cidade de Illinois a 90 kilómetros a norte de Chicago xunto ao Lago Michigan, a Los Ángeles. Que podería ser un cambio de ambiente, clima e, de non ser os Estados Unidos, un cambio de nación. Bradbury, que conta 12 anos cando chega ao Pacífico adquire como hábitos culturais asistir a longametraxes como O fantasma da ópera e ler a autores como Edgar Rice Burroughs, tamén coñecido como o autor de Tarzán. Hai outra lectura que neses anos poscrise do 28 Bradbury converte en habitual: Amazing Stories, a primeira publicación periódica adicada á ciencia ficción nos Usa e que no seus primeiros números de 1926 publicaba textos de Verne, H.G. Wells e Edgar Allan Poe. Tampouco é seguro que pagara os dereitos de autor.

Entre os 30 e os 70 nos quioscos dos Estados Unidos dous tipos de revistas de lectura con relatos breves como argumento fundamental. As slicks, mellor impresas, mellor deseñadas e destinadas a un público máis literario e as pulp que, por dicilo dalgún xeito, tiñan menos prestixio. Os anos e os caprichos vintages da cultura, e quizais Tarantino, déronlle a volta a esa clasificación. Bradbury, como adolescente que se iniciaba na lectura, estaba máis aproximado ás segundas, entre as que Amazing acabou por ser unha destacada.

O aínda non mozo Bradbury decidiu ser escritor. Entre as fantasías de mundos en guerra, de chimpancés que teñen de xefe a un blanco que fala menos que suxeito, verbo e predicado, entre submarinos eléctricos e un mundo que dura menos de 80 días, entre todas esas cousas desproporcoinadas incluso para Iker Jiménez e a Casa Usher, o Ray de 12-13 anos percibiu que había verdades máis definitivas e para manter a súa vocación literaria púxose a vender periódicos como método financiador do tempo de escribir. Quedou sempre cerca dos quioscos.

Segundo The New York Times, o autor de 'Fahrenheit 451' é o responsable "de levar a ciencia ficción ao mainstream literario"

Hai outra influencia que o escritor repetía nas entrevistas mesmo despois de ganar o Pulitzer. Contaba 12 anos, era o Día do Traballo, e aínda vivía en Illinois. Asistiu nunha feira ao número dun mago chamado Mr. Eléctrico. Segundo a versión do escritor, o mago estaba cargado de electricidade estática, sentado sobre algo que parecía unha silla eléctrica. O rapaz achegouse, o mago tocoulle o nariz e mandoulle: "Vive para sempre!" Ben pola idade, ben porque é o tipo de orde que non se asimila nun día, Bradbury volve ao día seguinte á feira e preguntoulle ao mago como era iso da vida eterna. Mr Eléctrico contestou que el (Bradbury) era a reencarnación dun amigo do mago que desapareceu na Primeira Guerra Mundial. O escritor repetiu en moitas entrevistas que tras esas palabras decidiu escribir cada día da súa vida e cumpriu coa decisión. É un mandato que non recibiu Vargas Llosa.

Segundo publicou unha vez The New York Times, o autor de Fahrenheit 451 (1953) é o responsable "de levar a ciencia ficción ao mainstream literario". Conseguiu atravesar esa barreira, pero quizais o seu paradoxo é ter saído desde a literatura popular, conveter un xénero en aceptable e mesmo incorporar o futuro como un argumento a ter en conta na literatura e, aínda así, quedar atrapado nesa definición de escritor popular. A evasión como acusación.

O autor de As douradas mazás do sol (1953), que pode escribir dúas novelas por ano, sempre declarou o “propósito moral” da súa literatura.  A conquista de Marte, a colonización do sistema solar por parte dos Estados Unidos é, de fondo, un detallado repaso da historia dos Usa como país ocupante, da ambición, da violencia, da desculpa das liberdades, da destrución que xenera non recoñecer nada anterior como bo. O escritor de Remedio para melancólicos (1959) ten un procedemento claro: Bradbury faille a proba do algodón á sociedade por ver se con outro decorado os resultados son distintos. Pero é o mesmo: os tempos cambian, a destrucción permanece.

A pesar de ter cambiado un xénero, de ter advertido sobre a violencia humana, o poder omnímodo e a supresión das liberdades, a Bradbury faltoulle recoñecemento intelectual. Faltoulle ascender nese escalafón culto que é algo mirado con quen procede da literatura popular. O Paradoxo Bradbury é esa mesma síndrome da cultura europea que despreza a literatura de xénero en casa, pero declara unha admiración proletaria polos escritores norteamericanos que a práctican sen desculpas intelectuais, o mesmo sexa noir que ficción científica. É o paradoxo de non acabar de recoñecer a quen ten unha obra máis importante como escritor de ‘short stories’ que como novelista. Ese paradoxo que garda algunha relación con como os cohetes de Bradbury se pousaban no chan vermello de Marte.

O paradoxo de Bradbury
comentarios