miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Unha árbore ante a ventá da cociña

Era noite cando me erguín. O mundo foi lavándose de luz, como no poema de Dani Salgado. Como cada mañá, exprimín o zume de dúas laranxas para O Herdeiro. Era o segundo amencer do mundo dende que cheguei vivir a este edificio, hai 19 anos. No primeiro faltaba de todo na casa, no segundo faltaba a árbore do xardín.
El periodista y poeta Daniel Salgado en las escaleras de la redaccion del diario El Pais. Santiago de Compostela. 17/07/2009

Andres Fraga

O PRINCIPIO da fin é discreto. O día anterior vira dende a altura de tres pisos na que vivo dous rapaces con monos verdes e letras corporativas en amarelo. Daban voltas ao redor da árbore que gobernaba o xardín coma nunha danza da horna e despedida. Temín o que acabou sucedendo así que estiven facendo fotografías da árbore que acompañou os zumes dos meus fillos dende hai 19 anos. Eu apostábame na ventá da cociña e contemplaba a árbore. Non lle esixía outro regalo a madrugar.

Onte un dos mozos merodeadores subiu á árbore cunha corda delgada coma a esperanza, foi cortando o tronco en columnas corintias da antiga Grecia. Ataban os toros e baixábanos nun movemento vertical e coidadoso que me lembrou un Tetris ralentizado.

O rapaz que desmontou a árbore comportouse coma un anxo ateo e distante, el nada sabía da miña biografía con aquela árbore que serraba. Falo como se lle tivese atribuído un nome a esa árbore cando ignoraba ara de que especie era. A miña muller si a coñecía e aburriu de decirma. Cando viña algún experto pola casa asomábao para que vise aquel xigante quixotesco de 25 metros e lle preguntaba. Como sei que teño tres segundos de memoria coma os  peixes anotaba a especie nun papel. O problema é que non era sempre o mesmo papel. Ás veces escribía unha nota a pé de páxina nunha lista da compra, coma unha anotación a pé de páxina ás latas de bonito e ao brécol. Outras veces o dato caía na esquina do periódico da fin de semana que aínda estaba por revisar. Con algo de sorte, ese nome quedaba na última folla dun libro que estivese lendo.

A árbore xa dobrara o Cabo de Fornos da vida. Calquera día podía derrubarse sobre o xardín dos veciños, contra o edificio, ou peor, sobre un transúnte inocente do arboricidio. Un vento furioso de borrasca podería ser culpable. Mesmo estes días a borrasca Justine está varrendo iradamente o país. Sospeito que lle puxeron Justine na honra do primeiro libro do Cuarteto de Alexandría de Lawrence Durrell: "Outra vez a mar brava e o vento sopra en refoladas excitantes: en pleno inverno séntense anticipos da primavera".

O mundo parece máis lavado esta mañá, despois de que os xardineiros sentasen no toro que se agarrou ás raíces. Comeron uns bocadillos de pan industrial coas pernas cruzadas mentres acariciaban a pantalla do móbil cun dedo distraído. O amor é un fenómeno superior da atención, pero eles parecían estar xa namorados de vello e cansos de desmontar  unha árbore alta coma a sede do goberno civil. Hai ducias de papeis, xornais e  libros pola casa nas que o teño anotada o nome da especie.

O meu caso non é tan grave como o do filólogo Dionisio Gamallo Fierros. El tomaba notas lúcidas sobre Rosalía e Bécquer —era o maior especialista— no primeiro papel que entrase no radio de acción dos seus brazos. Deixábao nun lugar calquera da casa de Ribadeo para ordenalo con vistas ao ensaio que se propoñía escribir e non chegaba nin a ser inédito. Cando morreu Dionisio a Xunta mandou unha bolseira á súa casa para ordear os milleiros de documentos e publicacións que a asolagaban. Din que era unha rapariga loira, sorrinte e de signo psicis; que tiña un lunar delicioso perto da boca. Dende a mañá na que entrou ninguén volveu saber dela. Talvez descubriu un punto de vista fascinante sobre Cantares gallegos e quedou vivir nel.

O venres falei con Roberto Varela, o exconselleiro de Cultura, que vén de publicar O tempo que vivimos. A edición coidadísima é de Antón Lopo e Manuel Martínez para Chan de Pólvora. Varela é diplomático, agora na embaixada de París. A súa pulsión existencial foi viaxar polo mundo. Ese alento empezou a respiralo en Dena (Meaño) ao xogar en Seixiños. Puido elixir entre esa praia ou a cercana cova de Dona Rosita, que estaba habitada por serpes encantadas. A cova era tentadora, pero optou polo deslumbramento de Hollywood, que coñecía de primeira man grazas ao recendo a pan de figo e ás luces das estrelas que miraba nas escaleiras do cine Arousa. A praia de Seixiños xa non existe, o cinema Arousa tampouco; pero Varela lembra perfectamente os restos de tellas entre os que se bañaba, as ‘tegulas’ romanas que se fabricaban na beira. Aínda fala dese lugar con emoción:

—Seixiños era ancho como o Mississippi.

Rebecca Solnit cita no último ensaio, El arte de perderse (Capitán Swing) a Henry Bosse. Foi un fotógrafo do século XIX que traballaba para os enxeñeiros que se ocuparon de "estreitar e enderezar" ese río, "de converter un curso de auga salvaxe e serpenteante, coas súas illas, remuíños e beiras pantanosas, en algo máis estreito e máis rápido, un río dragado e encauzado que podería acomodar o vertixinoso fluxo do comercio".

Europa era o Mississipi, un caudal veloz de negocios e liberalismo destemido, antes da enxurrada do 2008. Volveu selo despois. Non sei se Daniel Salgado me perdoará a metáfora.

—Non son de metáforas, Jaure.

O escritor de Monterroso vén de publicar na colección de poesía de Xerais, que ten un deseño de Ramón Domínguez limpo e colorista que tamén me gusta. O libro chámase Os paxaros. Sorprendeume porque Salgado, que chamaba ás portas da Revolución ata deixar os nocellos en carne viva, parece afectado pola corentena de cumprir anos e feliz pola paternidade. A voz política segue aí, máis cargada de magnolias que de pólvora; pero hai tamén contemplación da natureza que eu diría preñada da ilusión de Virxilio se non coñecese a súa atención colectiva.
—Son poemas de retirada, de retracción persoal. Despois dun momento de axitación social e política tras a crise teño a sensación de derrota.

El esperaba que a demolición incontrolada de Lehman Brothers trouxese unha Europa máis humana. Eu tamén, pero venceu o brillo negro dos asentos bancarios. Os cartos de todos  reagláronse para salvar as finanzas duns poucos baixo o argumento de que os especuladores poderían serrarnos a colummna vertebral. Non negarei que os usureiros son magníficos escritores de contos de terror.

Salgado anotou con letra de prateiro o discurso de Martiño Noriega en A contradición permanente (Xerais) cando nos prometeron que San Caetano se enchería de estrelas como as do cinema Arousa. Co tempo Daniel deixou de traballar como en prensa de En Marea e Martiño regresou á casa de saúde como o próximo expresidente de Galicia. "A preguiza histórica cerra toda tentación/ A insurrección volve adiarse", escribe en Os paxaros.

O cadaleito da árbore saíu pola porta do xardín e aínda fun incapaz de memorizar o seu nome. Permaneceu case dúas décadas diante da ventá que se ilumina cara ao Arquivo Provincial, ao meu ambulatorio e, máis abaixo, ao río Miño. Leo a Dani que "os reinos da dominación son vastos". O meu reino da dominación fou unha árbore alta coma o sol do mediodía e ancha coma o abrazo dos namorados. Non necesitaba máis espazo para comprender os procesos de dominación. Ao longo de dúas épocas vin merlos, pegas, pombas turcas e corvos sometendo e expulsando á tribo anterior. Sentín os picotazos, o bater das ás e os berros agudísimos, que eran as bandas sonoras das guerras de sometimento. Pola árbore, agora demediada e expulsada, pasaron media ducia de etnias aéreas. As anduriñas nunca volveron colgar os seus niños neste  noso xardín.

A última batalla foi tan antipática e salvaxe que os niños foron arroxados á herba e as pólas quedaron espidas. Sixilosamente, os estroniños foron habitando a paisaxe desolada pola guerra. Acabei amando eses pequenos paxaros negros e irritantes, e odiando o ser que pretendía botalos da árbore armado cunha carraca e un punteiro láser. Os inimigos veñen, por veces, enviados dende as alcaldías.

Unha árbore ante a ventá da cociña
comentarios