El tiempo
martes. 16.08.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

As dúas picas de Otero Yglesias en Flandres

Otero Yglesias debe ser convocado. Pasaran anos sen velo. Lugo son 67 casas atadas por unha muralla, pero tardas en ver a Jesús. Abriu unha exposición na sede lucense da Xunta, así que decidín convocalo a un café. El vive na Calzada da Ponte, unha rúa que inclina o peito cara ao Miño; dentro da cidade, a un salto de río de chegar ao campo
Jesús Otero Yglesias
Jesús Otero Yglesias

PARECE CONTENTO. Todos os artistas se alegran de que os chames; para iso fan arte, para explicarse aos outros, para que o xelo da soedade non lles corra pola columna vertebral. Jesús sube ocasionalmente a Lugo. Non busca a compañía aleatoria, senón un diálogo de bronce batido que cheire á graxa aceitosa do óleo. Suso ten a cabeza branca, o pelo branco, a pel branca, e dous botóns negros cosidos nos ollos. O seu riso parece afastalo da xente porque o esconde no niño do ombro co medo de que puidese molestar, pero resulta suave e cálido.

—Estudei Artes Aplicadas en Lugo, pero no nme gustaba cómo funcionaba a escola. Eu son de libros e daquela había catro. Botaba o día mirando un libro de Tàpies. Pensei que nesa escola podería ter conversas sobre arte, e os alumnos tiñan conversas sobre rapazas e fútbol. Non estudei a carreira de Belas Artes porque pensei que os meus pais non mo poderían costear, pero nunca llelo preguntei. Non quería sobrecargalos con gastos. As referencias que tiña da facultade de Pontevedra non eran boas. Parecíame que o ensino era demasiado coxuntural, que estaban à la page, ao que estaba en boga. Eu quería unha formación de raíz.

Buscouna no ámbito aleatorio dos libros. Lendo sobre arte, estética e ensaio; lendo a Nietzsche, Tàpies, Miró, os informalistas, Poitier, e, sobre todo, Dalí e Paul Klee. Opina que Dalí está "infravalorado". Discrepo. Penso que a boa técnica do catalán quedou sobrepasada pola súa ansiedade por epatar aos burgueses. Mira a taza de café. Na escuma seca atopa o fío dunha reflexión:

—O traballo do artista non interese a ninguén. Díslle a alguén: "Estiven doce horas no meu estudo" e non lle interesa. Se non fas algo que te convirta en popular por riba do traballo de artista non triunfas. Francis Bacon non o necesitou. Non me gusta Bacon. Era túzaro coa xente, inauguraba  unha exposición e non asistía. Ten a forza de que foi un lector do noso tempo, da deshumanización, de que todo é líquido.

Paul Klee non debe quedar fóra do noso encontro. Era pintor, pero tamén un violinista notable. Otero Yglesias quixo ser Paul Klee, cando menos nese sentido dun talento dobre. O seu pai era garda municipal de tráfico, obreiro, trompetista e violinista.

—Estaba no grupo Estrellas del Jazz, nos anos 40; aínda que facían pouco jazz, máis ben cancións populares. Aprendera a tocar o ciscornio na mili. Ao volver, pensou que podería aprender trompeta. Sabía solfexo cantado: cantaba e quitaba as notas. Estivo en varias orquestras. Na Mayka, entre outras. Non sei se o nome era pola cadela Laika... teño ese recordo; pero pode que fose Manuel e Carlos, quen sabe. Facía xiras de verán por Galicia e Asturias, botaba todo o verán fóra. Facíanse moitos cartos coa música. Con cinco ou seis anos de xiras, o meu pai puido facerse a  casa. Os irmáns axudáronlle. O meu avó paterno era zoqueiro e gaiteiro. Ensinou os rudimentos da música aos fillos. Estaban na charanga Nova Lira. Tamén foron obreiros. Con 15 anos traballaban pola comida unhas veces e por poucos cartos, outras.

O pai ensaiaba todos os días, tamén con 70 anos. "Cando veu visitarme a Bruxas traía a boquilla da trompeta para tocar, para 'facer labio"

O pai de Otero Yglesias morreu con 93 anos.Cando avanzaba contra o final marchoulle o coñecemento, pero nunca lle marchou o oído. Estaba perdido. Reencontrábase cantando. Antes de padecer alzheimer ensaiaba coa trompeta todos os días. Jesús deixou de tocar o violín porque reclama unha insistencia diaria. "Perdes se deixas de ensaiar; coa pintura non pasa, mesmo é bo para reconsiderar as cousas". O pai ensaiaba todos os días, tamén con 70 anos. "Cando veu visitarme a Bruxas traía a boquilla da trompeta para tocar, para facer labio, como dicía el. Viña coa boquilla porque non podía voar coa trompeta enteira. Era un bo trompetistas, ás veces ía tocar con outras orquestras".

Jesús Otero Iglesias empezou a subir polas noites do Miño a Lugo con vinte anos. Había un bar que se chamaba A Baiuca con bancos de madeira corridos, tortillas, churrasco, estrelas vermellas nas bandeiras galegas e concertos.

—Unha vez vin actuar un violinista vello con pinta de estranxeiro. Facía música clásica con toques de folk. Chamábase Jürgen Fisher. Fora violinista da Orquestra Filarmónica de Odense, en Dinamarca. Vivía en Lugo, dunha pensión que o dobre dunha boa de aquí e  para unha muller.  Actuara varias veces na cidade, na Semana do Corpus. Gustoulle a tranquilidade, o trato da xente, a vida botada á rúa e que o tratasen polo nome no banco e quedou.

Paraba nun hotel. Tamén lle gustaba unha muller, xa digo. Ela sentía o prestixio de que a rondase un violinista danés. El estaba todo o tempo intentando trepar ata a almea do castelo no que ela a raíña. Había un violín na miña casa, fora do meu pai. Estaba enteiro. Pedín a Jürgen que me dese clases. Ía ao seu hotel, o Méndez Núñez.O meu pai axudábame a ler as partituras co seu método de cantar. Fun seis meses, ata que me dei conta de que non era o meu, de que o quería tocando o violín era ser Paul Klee. Pero daquela estaba a moitas cousas: ao violín, á pintura e ás rapazas.

Jesus é intuitivo e racional ao tempo, colle unha idea de xeito casual e deixa que o envolva ata esgotarlle as posibilidades, pero non perde o fío. Estabamos falando de pintura e regresa ao asunto con naturalidade. Jesús nunca perde vista a pintura. Gañou unha bolsa de Unión Fenosa para marchar ao estranxeiro. Non había un acordo de entregar obra por contrato, pero si un compromiso ético de traballar. Houbo quen esqueceu pola calor de Ipanema, o vapor das caipirinhas e o perfume das garotas.

—O 80 por cento dos bolseiros ía a Nov York. A beca duraba soamente un ano, non che daba tempo a facer nada. Antes desa bolsa quedara terceiro no Premio Europeo de Pintura de Ostende, en Flandres. Foi en 1993. O cadro premiado eran unha paisaxe cunhas barras verticais; non, non son as lanzas de La rendición de Breda. Pensei: Se puxen unha pica en Flandres, ben podo poñer outra. Pintei unha liña vertical nunha paisaxe. Pensei: Non ten final por riba nin por abaixo; é coma unha columna metafísica, que non acaba nunca. Despois foi a beca. Daquela gustábame os pintores italianos, pero son tan especulativos e tan teatrais,… empezaban a gustarme os flamencos, así que marchei a Bruxas, en Bélxica. Agora gústanme o renacemento e o barroco influído polos flamencos, Van Eyck, Petrus Christus, Grünevald,...

Nos anos do século XV en que el pintaba uns obreiros, quen sabe se músicos de ocio, construían unha casa na rúa dos Tintoreiros ao pé dunha canle

A vida en Bruxas era tan tranquila coma cando Grünevald pintaba os seus cristos descompostos e os santos asaetados cubertos de teas que combinaban coa sangue. Nos anos do século XV en que el pintaba uns obreiros, quen sabe se músicos de ocio, construían unha casa na rúa dos Tintoreiros ao pé dunha canle. Otero Yglesias alugouna en 1993. "Facía xornada de obreiro. Pintei 60 ou 70 cadros en oito meses". Á volta empezou a traballar con galerías. Foi vivindo da arte. Agora compaxina creación e construcción. Lousa e reteita casas en aldeas.

—Era pinche do meu pai nas obras. Agora ando polas aldeas como pinche. Volvo á infancia. Volvo traballar coas mans, a aprender o oficio, aínda que o oficio estea desaparecendo. Andar con ladrillos e masa foi o que fixen toda a vida. Aprendín a calcular os espazos, a ‘ler o espazo’, para montar unha exposisición. A miña cultura e o meu xeito de traballar na arte veñen da aldea, da cultura do faino ti mesmo, de repara,de deixao aí que seguro que serve para algo, de non o tires que pode usarse. Aprendín a mirar todo varias veces para ver as posibilidades que ten. Os creadores non repensan as obras. Xa están aí as vangardas e todos imos traballando sobre elas.Sempre me digo: Agora non vale, pero seguro que serve para algo.
Eu deduzo iso da miña conserva con Jesús. Seguro que lle tiro algún proveito.

As dúas picas de Otero Yglesias en Flandres
comentarios