miércoles. 23.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 23.10.2019
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Os gatos visten nomes de músicos de jazz

"Son 4 gatos". "Están 4 gatos". Pregúntome pola dignidade dos gatos. Xa non pola do número 4, que non é un ser vivo —sempre e cando non se xunte cun 6 e faga a cara do seu retrato—. Por que se despreza os michos se unha xuntanza de máis de 4 persoas é conspiración en toda ditadura honrada?
Ron Carter
Ron Carter

NO MEU BARRIO —O Xardín, en Ribadeo— tiñamos un respecto levítico polos gatos. As nosas casas eran catro. Estaban perdidas fóra do núcleo urbano. Saíndo da vila, segundo deixabas o mundo urbano e formalista de Descartes, entrabas no Xardín, o ámbito de Rosseau. A campiña era amable, submisa e inane.

O meu irmán máis cativo, Iñaki, ocupábase de censar os gatos. Sabía dos nacementos e dos atropelos na estrada gris de abaixo porque botaba as noites do verán asomado á venta do segundo andar fumando e escoitando discos de jazz. Iñaki ten as orellas un chisco máis grandes e cóncavas que as miñas, que son pequenas e repregadas en si mesmas.

Nunca me gustaron as miñas orellas porque me lembran a loita entre a miña devoción pola a música e a miña incapacidade para distinguir dúas notas contiguas na escala. O meu pai sabía catro acordes de guitarra, que eran como catro gatos negros que lle facían compañía ao cantar. Este verán sentaba con el despois de cear no porche traseiro. El quitaba tocaba os vellos álbumes de Johnny Cash. "Fíxenme dano hoxe/ para saber se aínda sentía algo/ Concentreime na dor/ a única cousa que é real". Cash morreu un día como o pasado xoves, un 12 de setembro de 2003; o meu pai casara ese día nun ano primaveral dos 60.

Johnny Cash explicaba nunha canción por que vestía de negro. "Lévoo polos anciáns enfermos e sós/ polos imprudentes a quen unha mala dose deixou secos/ Levo o negro en loito polas vidas que poderían ter sido/ Cada semana perdemos cen bos rapaces". O meu pai tivo unha vida que podería ter sido. Con 80 anos non deixaba de proxectar encrucilladas. O outro día contábamo nun soño: "Morrer non entraba nos meus plans. Fun o primeiro sorprendido cando se me parou o corazón".

Cash vestía de negro porque non era negro. Era un xeito de achegarse aos que compraran lotaría caducada. O contrabaixista Ron Carter era quen de interpretar música clásica cunha serie de instrumentos que comenzaba no violoncello e avanzaba ata contrabaixo pícolo. De adolescente conseguiu unha cadeira na filharmónica de Rochester. Encantaba a mister Stokowski, pero mister Stokowski houbo de informalo de que "non tiña a cor axeitada" para ser músico de clásica nos Estados Unidos dos anos 50.

Ron Carter  empezou a vestir traxes desa cor e abrazou o maior dos instrumentos, o contrabaixo, para que non houbese dúbida de que estaba sobre o escenario

O ton da súa pel era axeitado para empaquetar o algodón, como fan o negros nos contos que escribía Capote aos vinte anos. En A miña versión do asunto un home casa cunha moza que "non ten faccións bonitas, nin corpo nin cerebro; pero é loira natural". A rapaza nada ten que disimular.

 Balzac opinaba que "nada forxa tanto un carácter como un disimulo ante a familia".Ron Carter, lonxe de evitar aparentarse negro, empezou a vestir traxes desa cor e abrazou o maior dos instrumentos, o contrabaixo, para que non houbese dúbida de que estaba sobre o escenario. Entrevisteino meses antes de que morrese Johnny Cash. El viñera tocar ao Festival Internacional de Jazz de Lugo. Sentamos no recibidor do Méndez Núñez. Sabíamos que Johnny empezara a disimular que estaba vivo, pero evitamos mencionalo por respecto.

Iñaki disimulaba que fumaba. O meu pai ben o sabía, pero prefería que fumase Gauloises a Celtas ou Bisonte. O meu irmán pequeno ten os ollos acuosos, como o saxofonista da primeira novela de Domingo Villar, que é o escritor galego que vende dez novelas por cada un dos nosos fracasos. A miña avoa tamén tiña ollos claros, pero decaídos. Miro as fotos de cando Aurora era nova, mestra da lucidez republicana e militante ilusionada do peneuvismo. Posa en bañador, tocada cun aura democristiá, na praia da Concha. Daquela empezou a ler a Proust e a Flaubert, tamén a Anatole France; en francés, que é o idioma natural dos donostiarras.

Aurora pasou unha chea de veces a muga do Bidasoa, pero nunca subiu a París. Un día confesoume que desconfiaba da capital gala porque lera ‘Sobre París’, un recompilatorio de artigos que Hemingway escribiu en 1922. "A boa educación desapareceu xunto coa absenta, os prezos de antes da guerra e outras cousas lendarias". Ela acreditaba na liturxia impresa, nos textos como fedatarios irrefutables.

Como non sei de jazz nin o saxofonista Charles McPherson estaba interesado na novela francesa, o ano pasado  demos en falar sobre filosofía. Con crueza: Kant, Spinoza, Nietzsche. A conversa foi en Lugo, polo certame de jazz que organizan José Luis Díaz e Alberto Grandío para sorprendernos cada ano co mellor da escena norteamericana.
O inglés está lonxe de ser a miña lingua  materna, pero algo avancei nos cinco anos que levo estudándoo. Lembro penosamente a entrevista co cantante Kurt Elling en 2009. Saímos do Méndez Núñez camiño do Círculo de las Artes. Chovía con ganas de novembro. O cantante de Chicago falaba e falaba, pero soamente movía unha guedella que sobresaía baixo o beizo inferior. Eu non podía tomar notas porque había un ballón desfacéndose no meu carderno. Trataba de reconstruír as palabras polo movemento da súa boca, pero, cando asentaba unha, el xa avanzara cinco.

Empecei a imaxinarme que estabamos en Blade Runner. Elling era o replicante Roy Batty, que sae ao final. Dábame ese discurso tan bonito sobre os momentos vividos que se perderán "coma bágoas na chuvia".  Cando chegamos ao escenario do concerto preguntei:

—Que lle parece a acústica?

Miroume gravemente, coas pingas esvarándolle polo queixo.

—É magnífica. Levo un cuarto de hora louvándoa, pero xa vexo que non escoitacaches.

E marchou. Non ceibou unha pomba branca como fai o replicante. Pediu unha toalla desa cor para secarse.

Iñaki, dicía, subía ao andar superior da casa familiar, que era grandota. A súa ‘chambre de bonne’ era unha habitación ata certo punto particular e bastante sobria de mobiliario. Nela  escoitaba discos de jazz e fumaba ocultadamente uns gauloises que lle regalaba ás agochadas o noso tío Pedro, que era perito industrial en París para Ciba-Geigy.
De noite soaba John Coltrane. Iñaki entretíñase contando gatos. Había máis de catro. Malia a escuridade, daba distinguido os michos por moito que andasen rondando gatas ou cazando toupos. Cada un vestía o seu nome: Miles, Herbbie, Bessie, Charlie, Duke, Dizzy, Thelonius,... Doeunos o de Herbbie. Dixéronos que fora unha madrugada. Culparan a un tren de carga que nin sequera tiña parada en Ribadeo. O tren pasou de longo sen misericordia.

Hei preguntar a Iñaki se coñece a Ron Carter. Regresa este novembro a Lugo traído en volandas polo Festival de Jazz. José Luis Díaz mandoume por wathsapp o xoves unha escena da serie Treme (HBO). Sae tocando o contrabaixo en Nova York. Atura un contrabaixista afeccionado chegado de Nova Orleans. O lego incide nas leis vellas dun estilo nacido para liberar músicos de banda que aburrían.

O meu irmán deixou de fumar, pero non deixa pasar un ano sen acodir ao Festival de Jazz de Donosti. Sinto envexa das súas orellas. Os lóbulos son delicados como láminas de queixo de Castela. Estou seguro de que se os meus fosen uns milímetros máis delgados, e non tan semellantes a cereixas puerís, distinguiría notas e escalas coa visión e co matiz que require saber tocar un instrumento.

A nosa casa xa non está en pé. Derrubárona para construír unha residencia de maiores. Hemingway escribiu que "as vilas arrasadas pola guerra teñen a dignidade de morreren por unha boa causa". Dáme mágoa visitar a tumba verde do neno que fun, pero a causa paga toda a pena que me provoca. Cando tiraron a casa había libros que esquecera no meu cuarto. Aínda recuperei unhas novelas de Anatole France que me regalara Aurora. Eran luminosas.

Os gatos visten nomes de músicos de jazz