Blogue |

Aí quedou

Revisar un libro editado hai unha ducia de anos conduce sempre a unha certeza: todos somos anacos da Historia, queiramos recoñecelo ou non.
Exposición sobre o Prestige. AEP
photo_camera Exposición sobre o Prestige. AEP

"Poderá ver na contraportada a foto dos dous autores. O arqueólogo que quere ser xornalista e o xornalista que quere ser arqueólogo. Sorrintes, de brazos cruzados, coa cara de non ter roto un plato na súa vida. E non romperon un, senón centos, ou miles». Carlos Marín. Recensión inédita. 2014

159. O Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC convidounos a Xurxo Ayán e máis a min a facer balance, doce anos despois da súa publicación, do noso libriño Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora). Se non o coñecen, este libriño era un libelo baseado nunha experiencia profesional e vital de máis dunha década, Xurxo na arqueoloxía e eu na divulgación histórica e no activismo cultural. Nel reivindicabamos o papel da xente do común e das comunidades locais na xestión e uso do seu patrimonio cultural, nunha Galicia na que a administración, o sector económico e profesional que prosperara ao abeiro da lexislación de protección do patrimonio e os académicos operaran con el nunha sorte de despotismo que en teoría parecía ilustrado pero que na práctica tiña tantos contras como pros. Non era un libro teórico: nel falabamos de numerosas historias con nomes, apelidos, marcas e topónimos que coñeciamos de primeira man. Durante os quince días previos explorei con curiosidade e certa incomodidade o noso propio pasado. Como saben, móvome con frecuencia e goce polos ontes, pero o truco está en manter sempre unha distancia prudente, como se o tempo fose un can un pouco falso dos que te pode trabar nalgún momento. Tamén me preocupaba a asunción de que un balance persoal non acabase sendo algo demasiado tramposo. Decidimos que o mellor xeito de comezar era aplicando, cal emperadores romanos, un memento mori, porque ninguén se debera  tomar demasiado en serio a si mesmo.

En Midjourney, unha aplicación de intelixencia artificial xenerativa, combinei parágrafos de Herdeiros co noso retrato promocional de hai doce anos —os dous sorrindo na porta verde de dobre folla do Colexio dos Irlandeses de Santiago— e a cadea de texto 2012-2024. O software devolveunos unhas abraiantes imaxes: dous obesos de mediana idade en diferentes actitudes: co fondo dun castelo reconstruído por Violet-Le-Duc, como hackers rodeados de cacharrada informática dos 80 en Xogos de guerra, como jarls compadres viquingos a piques de desembarcar para saquear Compostela ou a nosa preferida, con panos vermellos anoados no pescozo, puño en alto, nunha vetusta porta de pedra, tal que vedraios socialistas franceses ou españois: sombra saudosa de barba rebelde nun primeiro de maio dunha rexión mineira.

"Aínda que nesas datas, a web 2.0 nin sequera estaba verde, a rede era un fervedoiro de blogs e foros onde a xente comentaba as novas e as voltas diarias. A falta de información fiable fixo que os cidadáns acudiran a internet [para informarse sobre o Prestige]". Ana Belén Fernández Souto (2012)

160. O libro vendérase moi ben para ser un ensaio en galego e chegou a ter dúas edicións. Hoxe circula a través de man a man e de boca a boca entre profesionais e, sobre todo, entre activistas e amadores do patrimonio cultural galego. Pedimos aos lectores fotos das súas librarías para construírmos unha arqueoloxía do propio libro e comprender os seus contextos: nun cincuenta por cento dos casos o libro aparecía ao carón de clásicos como Cunqueiros, Pedrayos e Casares, entre a historia e a literatura. Tamén aparecía sen irmáns ou curmás, libros cos que puidera dialogar de ti a ti. Naceu solitario e morreu igual, como un fillo único do sistema cultural galego. Botar unha ollada para atrás significa decatarnos da soidade dunha publicación que non se pode entender sen o seu momento cultural, co 15-M, o nacemento das Mareas ou as profundas transformacións da rede. Aínda que o libro aguantou ben o paso do tempo —debe un libelo perdurar na súa función?—, ao velo decatámonos de que nin nós xa somos os mesmos nin a propia sociedade o é. Unha parte de ti como escritor xa é un pouco de suxeito histórico, algo que reflicte unha época á que xa non pertences pero da que, cando menos, fica esta testemuña. Aludín a que unha parte do combate intelectual da literatura non é só intervir no presente, senón perdurar, porque hai batallas que se librarán no futuro. Cando dentro de cen anos se estude o impacto social do Prestige ficarán os libros e algúns obxectos singulares. O efecto pioneiro da rede galega como dinámica de organización do activismo nunha data tan temperán como 2002 xa só sobrevive, e en precario, na tradición oral, como se fose unha batalla das Irmandades. Poderá perdurar aquel monicreco da gaivota chea de chapapote nalgún museo, pero non as ferramentas colaborativas, as revistas dixitais, os incipientes memes. Os investigadores espilidos terán a capacidade de intuír, en referencias impresas aquí e alá, como esta mesma, que algo pasou, pero non a dimensión total do fenómeno. Herdeiros, no futuro, valerá para contar algo de como tentamos construír novos vínculos entre as persoas e a súa dilatada herdanza cultural, como pretendimos construír relacións diferentes coas administracións e a academia.

"Herdeiros pola forza é un libro moi necesario cuxa provocativa perspectiva historiográfica non vai pasar desapercibida". Cristina Sánchez Carretero

161. Polas librarías de vello seica anda un exemplar de ‘Herdeiros’ que ten unhas curiosas anotacións manuscritas, nas que o lector anónimo nos vai poñendo sistematicamente a caldo, artigo tras artigo. Aínda non o din atopado, parecíame unha metáfora deliciosa. Foi Xurxo o encargado de analizar o impacto crítico do libro, e descubriu algo que nos deixou abraiados. O libro gozara de importantes recensións —positivas— en revistas académicas españolas e internacionais, boa parte delas escritas por investigadores foráneos que non tiveran problemas en ler en galego. Pero nas publicacións especializadas galegas non houbo nin a primeira. Cando Xurxo mo comentou sorprendido, reparei en que tampouco os seus autores tiveramos ningunha entrevista conxunta polo libro nos medios de comunicación do país. Porén, Herdeiros enchía auditorios —e dólmenes, e castelos, e castros—, mantiñamos longos debates cos lectores, vendiamos moitos exemplares. A cultura estaba transformándose e desenvolvendo novas canles e inercias. Nunha recensión da profesora Bea Comendador aparecía a clave. Afirmaba que o libro "xenera encontrados debates en diversos medios".

Aínda que a profesora Comendador non precisa en que medios houbo debates tan importantes, a ausencia de trazas documentadas fai pensar que en gran medida eses medios eran en realidade cafetarías próximas ás delegacións provinciais de Patrimonio, corros en xornadas arqueolóxicas —pero fóra do auditorio— ou se cadra eses distantes e fecundos prados no fondo de Facebook nos que pacen as linguas na confianza e seguridade do anonimato.

Sabemos ben que o libro era polémico porque nacía para facer visible un estado das cousas. No futuro os investigadores tamén se preguntarán por eses debates ao redor de Herdeiros pola forza que se mencionan algunhas veces en textos aillados, sen saber exactamente en que consistían. Da maior parte destas críticas non ficará nin a tradición oral, porque as memorias neste caso xa se están a reescribir. Como sinalou Ayán, hoxe boa parte do sector arqueolóxico atopou unha importante vía de negocio na posta en valor, divulgación e explotación social dos xacementos —que era o que defendía Herdeiros—, e as políticas públicas sobre patrimonio inclúen a participación social —aínda que haxa moito de retórica no asunto— como parte indispensable de calquera intervención no patrimonio cultural. Digamos que quen nos criticaba agora vive do carro —ou no carro-— da transformación da idea do patrimonio que avanzabamos. Con todo, aí quedará Herdeiros pola forza como unha parte das nosas vidas, nas que a conciencia privada se entrecruzou co social co público. E iso é o que hai que facer de cando en vez.

Comentarios