jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Imaxinación sobre imaxinación

Consultorio tecnolóxico Gago. Estes días ando tan estresado que fixen unha cousa e deixei de facer outra. A que fixen foi mercar dúas pantallas que teño conectadas ao meu portátil, estendendo o escritorio. Non descubro a pólvora, como é evidente, pero en asuntos de hixiene persoal íntima —é dicir, o que é un ordenador ou un móbil hoxe en día— a pólvora haina que descubrir sempre por un mesmo

VISTA

A COUSA QUE non fixen foi mercar lámparas de recambio para as luces do meu estudo, así que traballo na cova dun alarbio. O resultado é tremendo: síntome como nunha granxa avícola cultural, engordando sen parar material cultural ás escuras. O feito de ter dúas aplicacións en simultáneo, paradoxalmente, fai o traballo máis descansado e enfocado: dúas xanelas eliminan moitas interaccións, e as interaccións son ese palabro que soa tan lúbrico como preciso: procrastinación. Fáganse un favor e proben o asunto.


GUSTO
Dese marabilloso artefacto cultural que é a Biblia Kennicott, un dos manuscritos iluminados máis fermosos do mundo hebreo, téñense dito moitas cousas, pero se cadra o máis relevante non ten tanto que ver co texto bíblico en si ou as súas ilustracións, senón cos seus colofóns. Grazas a eles o prodixioso manuscrito e as súas ilustracións cobran vida a través das persoas. Sabemos que o confeccionaron Moisés Ibn Zabarah, escribán, e Joseph Ibn Hayyim, ilustrador, rematando o libro na Coruña en 1476. Sabemos que Moisés desexou que se escribiran libros sen fin —canta fermosura en tan poucas palabras— e que Joseph debía ser, ademais dun artista notable, un señor bastante divertido. Compuxo o seu colofón convertendo as letras do texto nun bestiario fantástico que provoca sorrisos ao examinalo en detalle. A Biblia Kennicott ten esa estraña propiedade das obras mestras: a posibilidade de admiración atemporal, 500 anos despois, da elegancia e un gusto dificilmente discutibles. Amosando os facsímiles que se conservan en Galicia, non coñecín aínda a ninguén que non a admirara. Ata os adolescentes. Espero que na exposición ‘Galicia, un relato no mundo’, onde virá a Kennicott, poidamos explicarlle esta historia de diálogos, fusións, intolerancias e minorías.


OÍDO
Cando falamos dos xudeus en Galicia pásanos como cos vikingos: é difícil saber que é o que chega do pasado e que ten que ver coa folclorada do presente. Canto de memoria real queda dos xudeus no país, previa aos últimos, digamos, cincuenta anos e auxe do turismo? Nun anterior SeiSentidos falei da verdade oculta trala tradición oral: de como esa verdade non atende tanto a feitos verídicos como a un tipo de verdade encravada nas conclusións e nas consecuencias, como un resumo de trazo groso dos efectos do pasado. Se cadra o aspecto máis fascinante, e no que ten habido se cadra demasiadas interferencias lendarias, é o dos criptoxudeus, os hebreos que camuflaran a súa identidade relixiosa por detrás dun verniz católico para sobrevivir. Creo que ninguén ten estudado por aquí isto dunha maneira seria: non me refiro á súa presenza na documentación, senón sobre a súa pegada antropolóxica. Teño escoitado historias familiares ben curiosas ao redor das misteriosas prácticas aínda levadas a cabo polos avós. Os netos que eu coñecín destas familias vivían a brétema da súa propia identidade familiar. Os seus pais tamén, pero continuaban practicando costumes domésticas pouco usuais que, se cadra, nalgún momento comezaron a explicarse como xudías. Canto de real hai niso e canto de explicar o descoñecido a través do descoñecido? Son posibles esas pervivencias durante centos de anos? Por norma xeral, dubídoo moito. Pero o humano ás veces está feito de excepcións.


TACTO
E damos outra volta. Vin con moito pracer a serie Carnival Row, en Amazon Prime, creada por Travis Beacham e René Echevarría. Aínda que o interese narrativo da historia decae capítulo a capítulo, hai series que deben ser contempladas non tanto polo guión como polo gusto de explorar o universo cultural do que proceden. Carnival Row crea un mundo victoriano no que fadas e faunos son refuxiados de países distantes destruídos pola guerra. As fadas son prostitutas e os faunos criados en Finisterre, a cidade que é un trasunto de Londres. E na relixión dos humanos adórase un aforcado, non un crucificado, e así se representa en igrexas e dormitorios. Asunto este non menor e un tanto perturbador —xa que logo, delicioso—. Aínda que a palabra xa non está de moda, Carnival Row ten moito de serie postmoderna, de historia sobre historias. Penso en como a imaxinación se constrúe ás veces sobre a propia imaxinación. Tentei lembrar, por certo, algo similar na creación galega e aparecéronme escasos exemplos desta fusión entre imaxinarios literarios e populares. Iso debe ser porque o folclore aínda non morreu de todo.


OLFACTO
No concello de Dumbría están a construír imaxinación sobre imaxinación, tamén. Sigo con moita atención a evolución do proxecto Terras do Vakner, que aspira a crear un certo destino ou produto ao redor do relato dun bispo peregrino do século XV que falou de que no camiño a Fisterra había unha misteriosa besta chamada vakner. Un programa moi ben deseñado detense nestas bestas entre o natural e o fantástico no pasado europeo. No horizonte, unha referencia francesa: o Musée Fantastique de la Bête de Gevaudan, famosa polo filme ‘O pacto dos lobos’.


RECREACIÓN
É difícil saber cando unha ocorrencia comeza a ser unha tendencia, pero por iso o caso de Dumbría é interesante. Moita xente lembra unha magnífica campaña turística do goberno vasco que empregaba a mitoloxía tradicional. En Galicia, o noso imaxinario popular só ten entrado no audiovisual de maneiras ridículas e pailanas. Pero o caso do vakner —que non ten nada de popular no sentido tradicional— pode ser un punto de partida para discutir sobre como se trasladan os nosos imaxinarios á Galicia contemporánea alén das referencias kitsch ás meigas ou á Santa Compaña. Veremos.

Imaxinación sobre imaxinación
Comentarios