sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Que haberá de perigoso en nós?

A moitas veces frustrante relación da cultura galega coas súas veciñas peninsulares só pode ser resolta con tempo e audacia

MARCOS PÉREZ Pena entrevista a Ghaleb Jaber Martínez, escritor de guións de O sabor das margaridas, esta serie de suspense policial que goza dunha vida extra en Netflix. O titular de Praza.gal di: "Hai que rematar co mito de que as cousas en galego non se venden fóra. Claro que se venden, o que hai que ter é calidade". Na miña cabeza salta unha alarma. Reparei en todo o contido de calidade en galego que non dá pasado do Padornelo ou do Miño. E logo non terá calidade abonda? Argumento perigoso onde os haxa. Cantas veces non se aplica ese razoamento tamén ao triunfo individual! Se traballas moito, es intelixente e tes talento, chegarás ao máis alto, dinche. Pero todos sabemos que non se trata só diso. Que o lugar onde vives, a familia na que te criaches, a nación á que pertenzas, o círculo social no que te movas, a túa aparencia física e, por que non, a sorte, tamén influirán. Por suposto que hai que dobrar o lombo, pero o traballo e a teima non abondan.

OLFACTO


No interior da entrevista desenvólvese a declaración e aí matízase o titular. Cito a Ghaleb: «É moi curioso como unha persoa que estaba no seu despacho en Los Ángeles creu neste proxecto e apostou por un produtor independente de Galicia, mentres que canles de televisión que levan tres décadas emitindo en España non o fixeron. Ás veces parece que é máis fácil que nos valoren fóra, sobre todo porque fóra non miran a procedencia». Así que vemos como o da calidade non era tan sinxelo, e aparece un mundo do que xa non gusta tanto falar: o dos teitos de cristal para a cultura galega. Barreiras difusas, pouco confesadas, sobre todo cando pensamos —erroneamente— que saír ao exterior significa pagar peaxe na autoestrada a Madrid. Ás veces, por suposto, os cristais escachan pola presión: a forza dun disco, dun libro, dun poema ou dunha obra teatral son imparables, ou esa creación contou cunha man amable que abriu unha porta, ou nese momento había que demostrar a pluralidade cultural de España. Ou todo ao mesmo tempo.


TACTO


O argumento de «aínda que estea en galego, se é de calidade triunfa no exterior» ten unha desas trampas morais nas que nos sentimos tan cómodos. Evita o conflito con alguén —e, xa que logo, o compromiso— trasladándonos o problema a nós mesmos: a culpa é nosa porque non o facemos abondo ben. Que no sistema cultural español se publiquen mediocridades a diario nas mesmas canles ou medios nos que queremos que figuren as nosas excelencias non parece afectar ao razoamento. Unha das cousas que aprendes cando asistes a eventos culturais por aí fóra é que o sector cultural non está feito cunha madeira diferente á que, desde o punto de vista profesional, temos aquí. Simplemente non estás no seu mundo. Con todo, eles perciben de onde es e nótalo no xeito de administrar o seu tacto verbal, no que agardan de ti: unha imaxe da periferia do mundo. Podo comprendelos, tamén, porque moitas veces iso é o que nós mesmos trasladamos de Galicia.

Os tópicos non só teñen por obxectivo definir senón, sobre todo, limitar: evitar que algo escape da nosa comprensión e se volva incontrolable: que o polbo deixe de facerse á feira.


GUSTO


Para interiorizar, o que se di meter unha idea ben dentro, non abonda cunha xeración nin dúas campañas publicitarias: hai que afundilo no imaxinario colectivo ata converter calquera outra visión nunha excentricidade. André presentoume a Alexandre Peres, o autor dunha recente tese sobre a galegofobia na literatura española. Temos unha conversa agradable nun temperado serán na Pescadería Vella de Compostela. «Os tópicos sobre Galicia comezan xa a fabricarse en tempos de Afonso X», coméntame Alexandre e de aí ben se pode trazar ata o século XX (e podería seguir). Son centos de anos amasando unha imaxe pexorativa de Galicia, que tamén desvela no audiovisual a antropóloga Beatriz Busto na súa análise do discurso do país no No-Do franquista, en Un país a la gallega (Através Editoria, 2021). Non podemos pensar que iso non ten consecuencias. Os tópicos non só teñen por obxectivo definir senón, sobre todo, limitar: evitar que algo escape da nosa comprensión e se volva incontrolable: que o polbo deixe de facerse á feira. O prodixioso deses discursos é como acaban sendo asumidos polos retratados, converténdonos en paiasos que representan a farsa propia para prosperar. Cantas veces me terán chamado de Madrid pedíndome historias de meigas —determinadas historias de meigas— e refugando, amables e estrañados, as miñas contrapropostas. E moitas veces, iso é o abraiante, faise coa mellor intención. Creo que o cambio nos últimos anos -e menos mal- é que o problema xa non é tanto cos galegos como cos contidos ambientados en Galicia.


OÍDO


Hai quen marca moitos trazos e hai quen prefire esborrallalos. No episodio 22 do excelente podcast Café Derby 21 da revista Luzes entrevistaron a Alberto Mancebo, correspondente da TVG en Portugal. Como é habitual nese podcast, os xornalistas entran xa coa terceira marcha posta, cousa que me encanta. E atopeime escoitando algo que poucas veces oíra confesar en público: os desencontros coa lingua galega en Portugal. Da incomodidade dos nosos veciños ao escoitarnos falar na lingua do país, ata o estremo de pedirnos renunciar ao noso idioma. No noso esquema de tópicos (que tamén os temos, e moitos) sobre España, proxectamos sobre Portugal o inxenuo rol do refuxio. Pero eu escoitaba o Café Derby e pensaba en como reaccionariamos se eses desprezos á portuguesa —elegantes e educados— nolos fixeran non no Porto ou en Lisboa, senón en Madrid. No sur somos como un garavanzo no pé, e aínda así porfiamos en querer ser parte do zapato. Se en España se nos constrúe para encaixarnos nun rol folclórico, en Portugal deconstrúesenos para negarnos. Que haberá en nós tan perigoso como para que dunha fronteira nos retraten como seres ancestrais fóra do presente e da outra prefiran non mirarnos á cara por se atopan sospeitosos trazos familiares dos que os pais nunca lles falaron.


FUTUROS


Non hai unha única solución para esta situación. Sempre houbo, é certo, complicidades que van alén das fronteiras e que cren -cremos- nunha cultura libre e no pracer de descubrir o outro. É por esas redes polas que temos que loitar, e desde todas as bandas. Tamén penso que nos últimos anos déronse notables caso de éxito que algo farán en ir mellorando o ambiente xeral. Pero cambiar o marco para un escenario de oportunidades máis limpo —se tal cousa é posible— non será cousa dunha xeración, e por desgraza as liñas da historia cultural son incompatibles coas breves expectativas persoais. Mentres as institucións traballan no ámbito das xeracións, as empresas culturais deben sacudir con inxenio neses necesarios mercados naturais. Fica para os creadores a liberdade (e a responsabilidade) de internarse pola súa conta máis alá do horizonte por defecto do país.

Que haberá de perigoso en nós?
comentarios