viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Libros da prisión, a literatura como fuga

"Hai fundamento suficiente para dicir que as librarías podían ter un departamento propio dedicado á literatura escrita nos presidios"

Táboa Redonda

MOITAS VECES se ten comparado o namoramento coa situación de alguén que está en presidio. Isto é debido á concentración. O namorado non pode pensar noutra cousa. O preso tampouco ten máis horizonte que a prisión. É unha fortuna que, en galego, estar namorado se poida dicir tamén engaiolado, é dicir, enjaulado.

Flaubert, nas súas notas sobre o oficio de escribir, dicía que o escritor de verdade non é vaidoso, senón un escravo do seu texto. E non hai maior escravo que un preso. Montaigne compuxo os seus ensaios na torre dun castelo que era tamén a súa casa. En teoría, era libre, pero na práctica vivía como un prisioneiro das súas ideas.

O escritor sempre pide tempo para escribir e un refuxio no que non o molesten. Manuel Rivas pasou seis meses en Irlanda para escribir En salvaxe compaña. Irlanda foi, en certo modo, o seu cárcere, o lugar estraño onde concentrarse.

Sorprende o número de escritores que pasaron unha boa parte da súa vida nunha prisión de verdade. Desde o Marqués de Sade a Primo Levi. A lingua e a sociedade rusa deron pé ao que poderiamos chamar unha auténtica ‘literatura penal’, con grandes obras mestras, desde Resurrección de Tolstoi a Arquipélago Gulag. Tamén A illa de Sajalin de Chejov e Memoria da casa morta de Dostoievski.

Hai fundamento suficiente para dicir que as librarías podían ter un departamento propio dedicado á literatura escrita nos presidios.

Dostoievski chegou a coñecer a fondo a maioría dos tipos humanos grazas á súa estadía en Siberia. Eses personaxes son a principal fonte nutricia de case todas as súas obras posteriores.

A prisión, polo seu carácter extremo, serve para construír metáforas a partir da propia realidade. A longa noite de pedra de Celso Emilio, simil da ditadura, en realidade é unha descrición case literal do lugar onde se encontraba, no convento de Celanova, convertido temporalmente en presidio.

A obra de San Juan de la Cruz é escasa. A que ten valor redúcese practicamente a media ducia de poemas, pero son poemas que xustifican un poeta, a súa calidade é suficiente para falar de grandeza. San Juan de la Cruz foi encarcerado por algúns dos seus compañeiros dos carmelitas descalzos, padeceu o illamento e a tortura. Parte desa experiencia inspirou o seu lirismo, aínda que sexa difícil concretar que versos escribiu realmente alí dentro e que observacións o inspiraron.

Brenan, na biografía que fixo do monxe, afirma que foi unha canción de amor, oída a través dos muros da prisión, a que o moveu a escribir poesía.

Á parte de concentración, o cárcere ofrece certas liberdades. A imaxinación pode saír fóra e voar. Ademais de memorias, máis ou menos veladas, das celas tamén saíron ensaios, que non teñen que ver co cárcere, como os escritos de Gramsci, tan valorados pola nova esquerda. Que se fixera tamén moita poesía pode ser debido a que o lugar predispón non só a que a mente viaxe, senón a que converta as cousas pequenas en sublimes. Dostoievski observou moi ben como os presos valoran os seus obxectos e calquera pequeno acontecemento como algo case inefábel, algo ante o que renderse espontaneamente, sen ter en conta as consecuencias.

A prisión é un lugar que predispón ás actitudes, por unha parte submisas, pero tamén extremas, de forma inesperada e sorprendente, incluso para os seus protagonistas. Algo así é tamén a literatura e sobre todo a poesía, un exercicio que require disciplina e constancia, un exercicio que a maioría das persoas non soportan, pero que tamén pode sorprendernos cos seus momentos de inspiración, de ruptura e epifanía. O escritor, como o preso, debe pasar moito tempo cavilando, racionalizando, antes de conseguir algo, un pequeno premio, unha tripa chea de vodka, no caso de Memorias da casa morta, unha estrofa inspirada: "Nunha noite escura,/ con ansias en amores inflamada,/ ouh ditosa ventura!/ saín sen ser notada,/ estando xa a miña casa sosegada".

O obxectivo do preso é fugarse, de forma real ou co pensamento. Tamén a literatura é sempre, en parte, unha evasión, en primeiro lugar para quen a escribe.

Libros da prisión, a literatura como fuga
comentarios