viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Viv Albertine e o primeiro grupo punk

Un pode desprezar o punk e non estar nada interesado no avance social das mulleres. Un pode pensar que non ten tempo para ler un libro de cincocentas páxinas. Aínda así, a autobiografía de Viv Albertine, 'Ropa, música, chicos', non será unha mala escolla

VIN UNHA MULLER duns oitenta anos, parecía do máis convencional, pero levaba o pelo branco e voluminoso cruzado por un chorro de tintura, de cor maxenta. E, de pronto, pensei: isto non sería posíbel sen o punk dos oitenta, sen mulleres como Viv Albertine.

O punk, ben é certo que administrado en doses moderadas, está aí. Cambiou á moda, freou a cursilería e burlouse do estilo endomingado. O punk naceu como provocación, pero tamén as palabras impresionismo e barroco eran despectivas antes de ser populares. O punk é esa corrente marxinal destinada non a tomar o poder pero si a modificar o seu estilo. En certo modo, é un bisneto do dadaísmo e do surrealismo. 

O punk é tamén o rock menos machista. "Era algo novo que os homes fosen tan delicados, guapos e abertamente provocativos ao mesmo tempo", di Viv. Houbo máis mulleres, con papel protagonista, no punk que en calquera das outras correntes deste estilo. Nas rúas de Londres, onde se deu a coñecer, había bastante mulleres con imperdíbeis na boca, pelo en crista e unha pose tan desafiante como a dos seus compañeiros varóns.

O movemento nace, segundo se pode ler xa nas enciclopedias, en 1975. E non está de máis engadirlle un pouco de contexto económico. Dous datos para sintetizar: a primeira gran crise do petróleo que estalara un par de anos antes e a chegada ao poder de Thatcher en 1979. Un lustro no que acaba a próspera posguerra e comezan os recortes máis duros do estado de benestar. Do pleno emprego, as economías máis avanzadas pasan ao 10% de paro. En Inglaterra, algunhas empresas só traballan tres días á semana para aforrar enerxía.

O punk sae dos barrios marxinais, onde a mocidade sen futuro está condenada a aburrirse e a vivir da axuda pública. Aínda que nacida en Australia, Viv Albertine pertence a un deses barrios. A súa casa é moi pequena, as mesas son de formica, non hai alfombras, tampouco aspiradora. Vive coa nai e unha irmá. O pai ("que fai esa besta xigante e peluda na nosa casa?") abandonounas cando ela tiña once anos. As tres se esconden cando chama a asistenta social que as visita con frecuencia. Pero, aínda adolescente, decide non parar ante nada e buscar o seu mundo. Síntese mediocre pero tamén moi activa. Con 16 anos marcha cunha amiga da súa idade a Amsterdam, viven nunha casa okupada. Coñece a fondo todos eses escenarios perigosos aos que os proxenitores das familias ben estruturadas lles teñen máis medo que á peste. Traballa de camareira nun local onde tocan moitos grupos. Deitase con homes en sotos e garaxes, drógase con ácido, asiste a concertos, dos que retorna cando xa non hai buses, a pé, coa cervexa saíndolle polos poros, pero feliz co que está facendo, feliz de vivir e da liberdade da que goza, a pesar de ter moi pouco diñeiro.

Nas letras das cancións, Viv aprende todo o que non aprendeu no colexio. Incluso o que está sucedendo en Vietnam

 E por suposto está a roupa, todo moi creación propia —ela e as súas amigas non se maquillan—, e unha tenda especial, Sex, á que van os e as punkis a vestirse. Para ela e as súas amigas esa tenda é unha santuario, igual que para un esquerdista de París unha determinada libraría da Rive Gauche.

E a música. Os músicos son os seus mestres. Nas letras das cancións, Viv aprende todo o que non aprendeu no colexio. Incluso o que está sucedendo en Vietnam. "Eles ábrennos o mundo desde un punto de vista político a través das letras das súas cancións e desde un punto de vista creativo a través da súa música experimental e psicodélica". Primeiro fíxase nos Beatles. Lennon usa as mesmas expresións que oe na vida diaria e iso encántalle. Por fin, algo próximo. Fíxase en Yoko Ono, nas mulleres, noivas, en todos os nomes femininos que saen nas carpetas dos discos, quere pertencer a ese mundo. Busca mulleres con personalidade e intelixentes, non como as noivas que teñen os músicos dos Rolling."Os Rolling Stones só saían con belezonas impresionantes". Pero aínda é difícil. "Nunca vira unha rapaza nova tocar ningún instrumento nun grupo musical". Vai coñecendo cada vez máis casos. Patti Smith, por exemplo.

Mulleres e músicos seguros de si mesmos a pesar de ter nacido nos arrabaldes de Londres. Pregúntase como conseguiu Johnny Rotten, cantante de Sex Pistols, "dar ese salto mental que o levou de ser un rapaz que vive nun piso de protección oficial, que asistiu a unha escola pública e que non estudou nada de música, a chantarse sobre un escenario e liderar un grupo?". Iso dálle forzas. Sabe o que quere ser. Agarrará —agarrar antes que tocar— unha guitarra. Até ese momento eran só os mozos os que se preocupaban dos instrumentos. "Guau, que punteo máis rápido; guau esa escala si que é complicada; guau como liga as notas". Ela, como as outras rapazas, só se fixaban nas letras e na melodía das cancións. Agora, aínda que non ten nin idea de que facer cunha guitarra, está decidida. Merca unha por 250 libras. O vendedor pensa que é para o mozo que vai con ela, dáse conta incluso de que é incapaz de facer que soe unha soa nota.

A pesar de todo iso e de que sabe que lle falta a constancia e a dedicación necesarias, está disposta a subir ao escenario e incluso a crear un grupo só de mulleres. O punk admite iso, mulleres que vomitan e cospen no chan, certa ambigüidade sexual, homes amaneirados, vestimenta, poses e peiteados intencionadamente unisex. O de non saber tocar non importa. A lenda di que os grupos punks expulsaban os músicos cando aprendían a tocar. Forma parte do seu ideario non soar a virtuoso senón a auténtico e sobre todo a enérxico. A protesta debe ser o máis pura posíbel. Son os xacobinos das salas máis inhóspitas de Londres.

Nas páxinas, na tormenta, rica en lóstregos, de Viv Albertine, trebón vital e trebón narrativo, deslízase un dato. A cada grupo de adolescentes que comeza a asumir a estética punk, achégase, sen tardanza, como avisado por alguén, un xornalista. Os diarios pelexan por falar de novos grupos. Os adolescentes, que aínda non acabaron de enredar o pelo e que bailan coma se lles estivesen disparando aos pés, ven algo sorprendidos como ese mundo de arriba lle está a pedir que suban ao escenario. Tal vez adiviñan que a música pode ser a saída para tanto mozo desorientado e sen expectativas laborais.

O grupo, formado só por mulleres, chamarase The Slits, traducido: a raxa ou a regandixa. En 1977, aquela rapaza que estaba orgullosa dos seus leotardos negros, da camiseta de malla e da cazadora de coiro, participará na xira White Riot cos Clash, o grupo máis excelente que deu o punk.

"Necesito asegurarme de que transmito a mensaxe desexada co meu instrumento. Resolvo que o que quero é unha especie de zunido como o dun mosquito. Iso é o que busco".

Ropa, música, chicos
A pesar de ser propiamente unha autobiografía e de estar incluído nunha colección chamada Crónicas, o libro de Viv Albertine podería ser considerado narrativa de non ficción. É dicir, literatura. Hai nel algo do punk que se transmitiu á maneira de escribir. Non polas provocacións ou por algunhas afirmacións sen lóxica, tan propias deste movemento, como o foran das vangardas de primeiros do XX. A estas alturas, algo así non tería sentido. A narrativa de Viv Albertine bebe do punk polo seu estilo directo, sen falsa moral e, ao mesmo tempo, por ser tan tenro. Porque iso é probabelmente do que nos fala o punk, dunha mocidade hipersensíbel, que se expresaba dicindo e mostrando xustamente o contrario.

Viv Albertine e o primeiro grupo punk
comentarios