A Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) convida a todos os galegos "a innovar este Nadal decantándose para as súas celebracións pola carne de poldro", un produto que na actualidade se destina na súa práctica totalidade á exportación.
Deste xeito, a entidade chama a "corrixir esa tendencia e a amosar o compromiso de todas e todos nós co que é propio, co que sempre estivo no noso ADN e co que tradicionalmente era un dos pratos máis valorados polos nosos ancestros", segundo sinala Isabel Casariego, representante do colectivo.
Desde a asociación lembran que o 97% da produción deste alimento oriéntase integramente a surtir ao mercado estranxeiro, entre o que destacan contextos coma o de Italia, onde a carne galega é "especialmente ben valorada" debido ás singulares condicións nas que son criados os animais aquí, cunha superficie moito máis ampla e con terreos moito máis verdes que os doutras comunidades.
Galicia, Navarra e Cataluña constitúen, xunto a Polonia, "un dos principais puntos de abastecemento para o devandito país europeo". A carne de poldro galega tamén está a ter saída en algúns países de América do Sur.
"Logo dunha situación sociosanitaria sobre a que todas as persoas temos reflexionado moito, desde Puraga pensamos que este Nadal é un bo momento para poder pechar integramente o círculo deste produto en Galicia”, explica Casariego, que salienta a importancia da "economía circular coma a contribución á sostibilidade dos nosos montes con animais criados en semiliberdade"
Desde Puraga destacan as propiedades nutricionais da carne de poldro, cunha baixa proporción en colesterol e un reducido nivel de graxa, ademais da súa versatilidade de cortes.