Opinión

Totora

A cultura galega está indignada. Falan de situación inaceptable. Un berro, concretamente emitido por seis persoas, esixe a reedición dun dos nosos libros máis divertidos, imposible de atopar. Falamos de Galicia feudal de Victoria Armesto. A nosa Totora.
armadura

Saberá que preguntarlles si ante a gravidade da situación consideran mobilizarse. Dinme que non descartan nada. Que a ver como teñen o día. Dous son profes na pública, outra autónoma no audiovisual, estoutra funcionaria da Xunta, e o que non son eu é prexubilado do metal. Xente con horarios laborais flexibles e polo tanto, perigosa. Saben que coa movida da cultura e unha situación inaceptable é seguro que o tal berro vai ser escoitado; se fosen, non sei, baloncestistas en cadeira de rodas o conto ía ser diferente. Xa dicía Fernando Fernán Gómez que el se metera a artista como vía máis rápida para chamar a atención.

Catro gatos coa escusa axeitada poden armar un balbordo considerable. E logo están os grupos que por moitos que sexan non dan transcendido, quedan na súa burbulla. Penso na escena do metal; non a do colega pensionista de Navantia, senón a da música. Son unha chea, en constante rotación; entran rapaces, saen vellos. No verán polo Resurrection inundan Viveiro.  Os políticos e os veciños fan os cornos cas mans e sacan a lingua para facerse un chisco metaleiros, e esa é toda a influencia que teñen na sociedade.

 Tamén están os ralis. Sabían vostedes da tremenda cantidade de persoal que moven? Debe ser o segundo deporte con máis asistencia do país, e o hexemónico no rural. De San Xosé a Defuntos as cunetas están a rebentar, e créanme que son amplas. Pero cando a poeira esvaece e foron contadas as proezas de Pedro Burgo, Alberto Meira, Senra pai e Senra fillo, só as crónicas cafeteiras na TVG2 saltan as cintas que balizan os tramos. 

Así a todo, penso que nin entre o Resu nin o Mundial Galego de Ralis dan xuntado a metade de fans que Marcial Mouzo. E non me digan quen non saben quen é porque se a Marcial Mouzo se lle torcesen os cables e emitise unha fatwa dende o seu programa nocturno na Radio Galega, o Pensando en ti, iamos flipar. Unha cousa son os datos de audiencia, absolutamente marcianos.  En plan o dobre da poboación de Viveiro escoitando á noite a xente contar as penas, que diso basicamente vai o programa, dúas veces Viveiro facendo os cornos cas mans segundo fala o bo de Marcial.

O demencial son as xuntanzas-romarías onde congrega en corpo e alma a outros milleiros de persoas.  Ten que ser moi felliniano. O Pensando en ti abeira un star system propio de oíntes e polo que se intúe, outro de odios viscerais e vetos inmisericordes. Pero claro, seica non escoitaron falar del porque non é o que se di un programa de cultura ou actualidade. Que ben podería selo, porque a veta de material etnográfico que Marcial ten ao outro lado do teléfono –todos son vellos e moitos con cousas interesantes que dicir-pasa de explotala. Prefire entreter e facer compaña, porque o mal de esa tanta xente é unha soidade terrible.

Totora tamén sentía a soidade cando estaba emigrada. Alí comezou a escribir Galicia feudal. É un libro descarado porque non era unha experta no tema. Totora foi pouco á escola. Non pensen que porque tiña que estar alindando as vacas: o seu nome verdadeiro era María Victoria Fernández España y Fernández Latorre e eran as institutrices as que viñan á súa casa na Porta Real da Coruña.

Despois xa efectivamente alindou as vacas, para as que comprou unha explotación gandeira de vocación ecolóxica. Aló está a súa neta, na Casa Grande de Xanceda. Totora era o seu alcume familiar, tan de esas señoras ben que se chaman Titina, Ritiquina ou Piquitita, e firmaba como Victoria Armesto porque colleu o apelido do seu home. É unha autora brillante, provocadora e divertida a rabiar. Comeza así o capítulo sobre as revoltas irmandiñas: "Se ha dicho que los varones del feudalismo galaico recuerdan a los señores de la guerra de la China. La comparación no es justa. Parece que los chinos eran bastante más razonables". E tamén está a definición sobre o estilo de Prisciliano, un dos personaxes centrais do libro. "Como escritor adolecía de ciertos defectos en los que solemos caer los gallegos: falta de rigor y claridad en la exposición, abuso de los párrafos largos y oscuros, una carga excesiva de citas, exceso de palabras superfluas y abstractas, una sintaxis anárquica".

En verdade, Galicia feudal non é inatopable. Pódese ler un escaneo da cotizada edición de Galaxia do 69 en victoriarmesto.es. Pero querémolo en papel, para gozalo, para tomarlle notas, para agasallalo. Se fose un vulgar manual de Historia non iamos montar esta leria.

Comentarios