Opinión

Ibn Marwan. A saga do Galego

Hai xa moitos anos, cando aínda non tiña por oficio impartir leccións de Historia, Quique Costas recomendoume un libro que habería de poñer patas arriba os meus esquemas mentais no que á historia de España, e de Galicia, se refire.
Mapa de Galicia. EFE
photo_camera Mapa de Galicia. EFE

Tratábase de O reino medieval de Galicia, de Anselmo López Carreira. Anselmo falaba da continuidade histórica, como entidade política, da provincia romana da Gallaecia, ben fora baixo dominio suevo, aínda visigodo, ou fronte ao Califato. Explicaba como en ningunha crónica medieval se mencionaba ese suposto reino asturiano, froito da imaxinación dos historiadores liberais decimonónicos, e si o Reino da Gallaecia, chamada Yalliquiya nas crónicas árabes, mentres que o nome de Hispania quedaba reservado para designar ao Califato cordobés. Cousa lóxica, pois este último ocupaba a maior parte da península.

Contaba hai pouco Francisco Rodríguez, na presentación do segundo volume do seu libro Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. Un reino con clase dirixente, no que sostén as mesmas teses que Anselmo, que defendelas desde o ámbito académico implica a inmediata cancelación. E, como a xente quere prosperar e que a conviden a congresos académicos e outras paparotas, pois seguimos, e seguiremos, co Reino de Asturias e a conquista árabe do noroeste.

Á par que o libro de Quique Costas que vou a comentar, lin tamén a monumental obra de Kyle Harper, titulada en castelán El fatal destino de Roma. Nesta obra amósasenos como os cambios nas condicións climáticas a través, sobre todo, das variacións na oscilación do Atlántico Norte, así como as epidemias e as migracións relacionadas con estes cambios, condicionaron a supervivencia do Imperio Romano e a vida da Antigüidade Tardía.

Ao sur da liberdade é a primeira novela de Xosé Henrique Costas e desenvólvese un pouco despois, no último terzo do século VIII, nunha Gallaecia e nunha Lusitania que aínda eran terra de ninguén e na que convivían cristiáns trinitarios, adopcionistas e arrianos, xunto con xudeus, escravos musulmáns e bérberes non necesariamente chegados cos exércitos de Tariq e Musa, senón unha ou dúas xeracións antes por mor da desertificación do norte de África.

É este o primeiro libro dunha triloxía que narra as orixes de Abd Al-Rahman ibn Muhámmad ibn Marwán ibn Ioanes Al-Yalliqi, un muladí que dominou as terras do Guadiana Medio e Baixo na segunda metade do século IX, e que está considerado o fundador da cidade de Badaxoz.

A historia da que gozamos neste primeiro volume é a de Ianes, un rapaz do castrelo do Viso, nas terras do Incio, que ten que fuxir ao sur para conservar os bens máis prezados para todo ser humano: a vida e a liberdade.

No esperado segundo volume virá, con seguridade, a de Marwan, e no que pecha a triloxía a do caudillo muladí, alcumado Al-Yalliqui, que quere dicir O Galego, por ser esta a súa procedencia. A historia de Ianes non defrauda, o marco histórico é tan heterodoxo como verídico, e no que á linguaxe toca xogamos na casa. Xosé Henrique Costas, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, é un experto, entre outras cousas, en galego medieval. Así, deléitanos cunha prosa áxil e unha rica linguaxe arcaizante que, por riba, fai uso das trazas orientais propias das terras do Incio e do Courel.

As orixinais ilustracións de Héitor Picallo, así como o mapa de Martinho Picallo, contribúen a embelecer a obra e facer máis agradable a súa lectura.

Comezabamos esta recensión falando do libro de Anselmo López Carreira. Un referente dentro da historiografía galega, pero que non resulta doado de ler. Anselmo non é, desde logo, un deses historiadores ingleses de prosa fluída que, con total rigorosidade, escriben ensaios que se len como novelas. 

Desta primeira novela de Quique Costas poderíamos dicir o contrario: é unha novela que se le como unha obra dun historiador inglés.

Comentarios