Opinión

O pasaporte Nansen

A difusión da obra de Banine semella moverse ao ritmo e compás das antigas tradicións orientais propias do Acerbaixán de principios do século XX.
Banine. WIIKIPEDIA
photo_camera Banine. WIIKIPEDIA

Despois de máis de 65 anos esquecida, en 2019 publicouse en inglés a deliciosa narración autobiográfica que leva por título Os días do Cáucaso e seguidamente, como se se contaxiase da presa occidental, no resto das principais linguas. Siruela acaba de publicar en castelán Los días de París, segunda parte do mesmo relato.

Umm El-Banu Äsâdullayeva (1905-1992), máis coñecida como Banine, naceu en Bakú no seo dunha familia de magnates do petróleo. Orfa de nai desde moi pequena e cun pai ausente, foi unha institutriz alemá quen se encargou de crialas a ela e mais ás súas irmás.

Á ambigüidade xeográfica de Bakú, a cabalo entre Europa e Asia, uníase a dualidade cultural entre o persa e o ruso, entre o islam e o cristianismo do imperio dos tsares. Entre a voluptuosidade oriental e as fantasías occidentais dos multimillonarios do petróleo, materializadas nas novas modas e nas súas mansións, auténticos revivals góticos, barrocos ou renacentistas.

Nesa sociedade dual pasou Banine a súa infancia e adolescencia. Por un lado a institutriz, o estudo do ruso, alemán, inglés e francés, amén das demoradas horas na ben nutrida biblioteca occidental de seu pai. Por outro, unha delirante familia tradicional, formada por avós, tíos e curmáns que se xuntaba nos veráns nunha casa de campo preto do mar Caspio.

Ese mundo, descrito en Os días do Cáucaso, viríase abaixo por mor da Gran Guerra, a  Revolución de Outubro e a Guerra Civil; mentres que o triunfo bolxevique botou abaixo o soño da breve República de Azerbaixan, da que seu pai era ministro de Comercio.

Despois viría a ruína familiar, un matrimonio forzado, aos quince anos, cun marido que detestaba e o exilio.

Los días de París comeza precisamente coa chegada de Banine a esa cidade que tantas veces percorrera nas súas lecturas e fantasías caucásicas. En Constantinopla quedaba un marido aborrecido e en Bakú un mundo que xa deixara de existir.

Ata aquí, a peripecia vital de Banine vai paralela á de outro ilustre exiliado acerbaixano de orixe xudía, Lev Nussimbaum, tamén nacido en Bakú o mesmo ano que Banine, tamén fillo dun potentado petroleiro e tamén educado por unha institutriz alemá. Os dous son hoxe recoñecidos como grandes escritores pero, probablemente, nunca chegaron a coñecerse. Mentres Essad Bey, que tal era o nome co que Nussimbaum renacera en Berlín, falecía en 1942, despois dunha delirante vida; Banine iniciaba por eses anos a súa carreira literaria. Unha vez máis o contraste entre a placidez oriental e a atropelada vida occidental do impostado príncipe musulmán Mohamed Essad Bey, nome co que asinou a meirande parte da súa obra. Essad Bey vívía da literatura, o que non lle impediu chegar a casar fugazmente cunha rica herdeira norteamericana, escribindo biografías, como as de Stalin, Mahoma, Nicolás II ou Reza Palhevi; aínda que o seu gran best-seller foi Sangue e petróleo en Oriente. Como Kurban Said escribiu, en alemán, a que chegaría a ser a súa obra mestra, Alí e Nino, considerada hoxe en día a novela nacional de Acerbaixán.

A breve e estrafalaria vida de Lev Nussimbaum foi investigada e narrada, cal se dunha novela se tratase, por Tom Reiss. Está publicada en castelán por Alfaguara (2007) baixo o título de El orientalista. A vida de Banine habería de ser contada, con moita máis demora, por ela mesma, xa falecido seu ilustre e fantasioso compatriota.

Los días de París narra a chegada e os primeiros anos de Banine na cidade do Sena, unha cidade á que sempre ansiara pertencer, e na que, a non ser polos problemas económicos, sé sentía como na casa, sen por iso deixar de ser unha apátrida.

Apátrida era tamén Lev Nussimbaum, así como toda a emigración do antigo imperio dos tsares, composta por grandes duques que traballaban de maitres, oficiais do exército branco que exercían de taxistas, e príncipes xeorxianos, auténticos ou impostados, que casaban con millonarias norteamericanas. Banine dedica un capítulo de Los días de París a toda esa xente que fora privada da súa nacionalidade pola nova Rusia soviética. A todos os que levaban no peto un pasaporte pensado especialmente para eles polo noruegués Fridtjof Nansen, alto comisionado da Sociedade de Nacións para os refuxiados; o pasaporte Nansen.

Como cidadá Nansen, durante os primeiros anos da súa estadía parisina, frecuentou o barrio do Montparnasse, no que vivía súa irmá Zuleika, casada cun pintor español. O traballo como modelo de alta costura e a chegada da súa curmá Gulnar, suporían un forte revulsivo na súa vida, introducíndoa no que ela mesma chegou a chamar "o puterío", relatándonos a relación co seu amante, a quen "o seu corpo amaba e a súa mente desprezaba".

Casada Gulnar cun millonario norteamericano, e abandonada polo amante, Banine recalou no mundo das letras. Como ela mesma di "a cultura é un capital que nin a idade nin ninguén poderá quitarche nunca e que proporciona praceres duradeiros, cousa que rara vez sucede co amor". O seu coñecemento de idiomas, unido á vasta cultura adquirida dos clásicos da biblioteca paterna, unha biblioteca para impresionar ás visitas, levouna a traballar como tradutora.

Durante a guerra traduciu a Ernst Junger, co que trabou amizade, igual que co premio Nobel ruso Iván Bunin, ou Andre Malraux entre outros. Tamén é de destacar a súa conversión ao catolicismo, pero todo isto xa non o narra nesta obra, senón noutra posterior, pero traducida ao castelán hai xa moitos anos, co título de Yo elijo el opio.

Todas elas relatan a vida dunha muller que afirmaba: "Síntome a gusto en Occidente, sen por iso renegar da miña parte de Oriente, que sinto viva na profundidade do meu ser. E niso tamén todo me separa dos rusos, que ao meu parecer se sitúan a medio camiño entre Oriente e Occidente, tan especificamente eles e nada máis".

Comentarios