Opinión

O rapto de Proserpina

Manuel Pimentel titulou o seu último libro La venganza del campo, pero ben podería terlle chamado O rapto de Proserpina, como a xenial escultura de Gian Lorenzo Bernini.
Un tractor en el campo. EFE
photo_camera Un tractor en el campo. EFE

Na súa obra, Bernini representa maxistralmente o momento no que Hades rapta a Perséfone (Proserpina para os romanos). Continuando a narración mitolóxica, cando súa nai, Deméter, se decata do secuestro, como vinganza prohibe ás arbores dar froito e ás herbas medrar; fai que a terra seque e que as colleitas se perdan. Esta vén a ser a mesma advertencia que nos fai Manuel Pimentel cando di que o campo se vingará. De feito, segundo el, xa se está vingando, ao modo bíblico neste caso, en forma de escaseza de alimentos e subidas de prezos, dunha sociedade urbana que o despreza e castiga.

Case todos lembramos a Manuel Pimentel Siles pola súa etapa como ministro de Traballo no goberno de Aznar; posto do que dimitiu ao descubrírense irregularidades na conducta dun dos seus colaboradores. Tamén habería de abandonar o Partido Popular en desacordo co apoio español á invasión de Iraq. Enxeñeiro agrónomo, licenciado e doutor en Dereito, actualmente é editor de Almuzara, conselleiro senior de Baker-McKenzie e dirixe o programa Arqueomanía de La 2 de TVE. Como escritor, ten publicadas tamén varias novelas, ensaios e numerosos artigos.

Tanto pola súa formación, como por vivir nel, Manuel Pimentel coñece ben o campo, e tamén coñece ese sector primario que nos alimenta a todos. Tal e como di no libro, son os agricultores, gandeiros e pescadores os que dan de comer con xenerosidade e abundancia a unha poboación mundial que se multiplicou por catro no último século. Unha proeza, segundo Manuel Pimentel, digna de ser valorada, admirada e encomiada. Sen embargo, non é así. "Los agricultores, ganaderos y pescadores, españoles y europeos, son despreciados, minusvalorados, cuando no abiertamente insultados, como retrógrados, parásitos, rémoras, enemigos del medio ambiente y maltratadores de animales. Los jóvenes huyen del sector, los campos se quedan vacíos. ¿Quién quiere trabajar en el campo después de décadas de precios ruinosos y cruel desdén colectivo?".

O libro é unha compilación de artigos publicados, desde o ano 2009, en diversos medios, que teñen como fio condutor o desprezo da nova sociedade urbana polo campo e polos que nel viven. O urbanita considera o campo como un espazo para pasear durante as fins de semana e moléstanlle os cheiros a esterco ou silo, os tractores e o gando que bota peidos que favorecen o cambio climático. Quere unha natureza prístina na que o o único papel do ser humano sexa o de hostaleiro rural. Non entende que eses agricultores son necesarios para que os alimentos aparezan, por arte de birlibirloque, nos andeis dos supermercados. Non o entende nin lle preocupa porque pensa que a subministración estará permanentemente garantida e a uns prezos tan baixos como na actualidade. E como vivimos nunha sociedade maioritariamente urbana, estas aspiracións vanse convertendo en leis; nunhas leis que cada vez apertan máis ao campo e aos seus moradores. Cando, por exemplo, nos preocupamos polo benestar dos animais deberíamos pensar que, se pedimos mellores condicións e máis espazo para os polos de granxa, estamos pedindo tamén pagar máis pola carne de polo. Pero, como diría Taleb, a maioría da poboación é unha perfecta incompetente en razoamentos complexos. Comprendemos a lóxica de primeiro orde, pero non os efectos de segundo orde ou superiores. E así nos vai!

Ao longo das páxinas do libro, Manuel Pimentel toca temas tan diversos como o animalismo, a xeopolítica alimentaria, os prezos agrarios, as foodtech e cantos aspectos teñen que ver co campo e coa alimentación, concluíndo que, polo de agora, aínda non atopamos outra forma de producir alimentos que sexa barata, fiable e sen riscos para a saúde.

De canto acabamos de dicir, a conclusión é clara: "Si a esta profunda y poderosa tendencia sociológica le unimos las novedosas dinámicas desglobalizadoras y las de riesgo geopolítico y de seguridad, el resultado de la ecuación está servido. Habrá menos alimentos y mucho más caros". 

Nesta sociedade urbanizada vaise perdendo, pouco a pouco, toda esa sabedoría popular, propia do mundo rural e campesiño, como son os refráns e os ditos, e cun destes ditos, que saca a colación Manuel Pimentel, imos rematar esta recensión: "Coas cousas de comer, non se xoga". Non se debería xogar, pero estamos a facelo, e xa sabemos que "xogar e perder, pagar e calar". O problema e que desta volta pode saírnos demasiado caro.

Comentarios