domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

Mickey Mouse tras as pragas de Exipto

A literatura galega vai camiño de ser a literatura máis feminista, ecolóxica e antixenófoba do mundo. Tamén a literatura con máis exlectores. Non é problema de ler en galego, é problema de que aburre

Walt Disney, ante un dibujo de Mickey Mouse. EP
Walt Disney, ante un dibujo de Mickey Mouse. EP

UNHA HEPATITE e un médico retiráronme na cama toda unha primavera cando tiña 11 anos. Era duro. Sentía os paxaros asubiando polas mañás e os meus amigos futboleando polas tardes. Salváronme a marmelada estendida sobre galletas María, e as novelas de Verne e Salgari.

Agora son eu quen escribe para rapaces. Hai 24 anos publiquei Todo a cen, unha novela anfetamínica en todos os sentidos. Nela contaba experiencias de Xoán, que pasou de ser amigo a drogadicto. Unha consigna relixiosa censurou a lectura de Todo a cen por parte dos estudantes. Daquela pensei en que se Xoán tivese lido Ionqui de William Burroughs, con toda a súa suciedade social e estética, quizáis el tería evitada a cocaína e eu nunca usaría o seu testemuño para a miña obra.

Hai unha década publiquei Corazón de chocolate, unha novela clásica de heroe e aventura sobre un rapaz que investiga un misterio en Compostela. Logo foi catalogada como machista polos centinelas de Occidente, que se tomaron a molestia de impedir que chegasen a ser lidas polos seus alumnos.

Ambos os títulos levan varias edicións e son milleiros de rapaces os que os leron. Soa a burla, sen pretendelo eu; soa a xustiza poética, e iso si que me gusta. Mesmo Corazón de chocolate é a novela que me xera os debates máis interesantes cando visito institutos porque ese elemento patriarcal permíteme falar sobre problemas de xénero co estudantado. O meu método nos centros escolares é socrático —preguntar moito e opinar pouco—, algo que nunca conseguirán estes libros de autoaxuda que empezan a dominar as nosa literatura xuvenil. Cando dás as respostas ninguén busca as preguntas.

Ben sabido é que as autoridades galegas fan todo o posible para que desapareza o idioma, que curtan a lingua de todos os nenos galegofalantes; pero que os nosos mozos lesen literatura galega sería un paso previo a mellorar o seu coñecemento do galego e a súa estima pola lingua, e, quen sabe, animarse a falala. A oferta literaria que lles facemos está tan envolta en celofán e tan perfumada de moralina que os mozos que son lectores escapan ao español. Mesmo ao inglés, agora que me lembro de Harry Potter.

Existe nas redes un vídeo sobre unha charla arredor de libros a recomendar que a crítica Montse Pena Presas impartiu a bibliotecarios de centros escolares. A sala está en penumbra, agás unha pantalla na que se ven varios títulos vitaminados de inclusión e compromiso. Nunha beira aparece Corazón de chocolate, riscado cunha raia trazada como unha letra escarlata.

Non é que non me guste Jaureguizar como escritor —descúlpase a señora antes de arremeter—. É que o protagonista ten unha relación coa súa parella que é todo menos saudable. É a personificación do malote e, nestes tempos, non debemos dar esa imaxe. Nisto son tallante.

A conta de Perroloco en Twitter ten un fío obsesivo no que o seu autor fai continuas referencias a que a súa novela Transición foi censurada. Perroloco é o alcume de Pablo Fernández Barba, un madrileño que veu a Galicia con 23 anos, hai dúas décadas; que aprendeu galego e mesmo que o escribe narrativamente. Non o fai mal porque Transición gañou o Vicente Risco en 2015. Tras unha serie de demoras editoriais —sen relación coa ética—, a obra foi publicada un ano máis tarde por Urco, con Tomás González Ahola como director. A editorial tivo nos meses posteriores un cambio na dirección, pasando de Ahola a David Cortizo e Andrea Jamardo.

Transición foi comentada por Montse Pena Presas nun xornal. O texto comeza con algunhas referencias literarias ben razoadas, pero hai unha altura na que a crítica esquece a súa función e arremete contra o protagonista polo seu machismo. En plena efervescencia, escribe que os comentarios e as visións dese personaxe masculino sobre as mulleres "son asumidos polo narrador en primeira persoa, o que hai que relacionar coa ideoloxía na tona da novela, claramente patriarcal". Un argumento que parece comprado nun chinés. A partir dese parágrafo, a señora acende un entusiasmo moral que vai pintando o resto do artigo —exento xa de toda cor literaria— para rematar aliviándose na confesión de que "non podo quitarme as lentes violetas cando leo". Non hai como recorrer a criterios éticos para cargarse toda unha credibilidade como analista.

Confeso que ningún texto que se afasta da súa finalidade pode sorprenderme dende que lin a crítica que Susana Sánchez Arís lle fixo a A casa das belas adormentadas de Yasunari Kawabata cando a editou Rinoceronte. Concordamos en que as rapazas da obra son drogadas e violadas, pero é unha obra de ficción. O Marqués de Sade, Drácula ou o executivo de American Pshyco son falsos, non existen. Houellebecq existe, pero non comete as animaladas que conta neses libros tan deliciosamente escritos. Mickey Mouse é personaxe que se inventou Walt Disney. Concordaremos todos en que un rato non pode pilotar un barco.

Os novos responsables de Urco en 2016 retiraron Transición cedendo, entre outras opinións, á que expresara Montse Pena Presas no xornal. Non dei falado con David Cortizo, pero sei que puxo ese artigo como exemplo como "uma resenha da que tanto estamos a aprender en Urco".

Sospeitaba eu que Cortizo e Andrea Jamardo andaban escasos de criterio editorial dende que vin como transformaban Urco. Tomás González Ahola concebiuna como editora de literatura fantástica, de ciencia ficción e de terror. Eles mudárona a editora para lentes lilas. De ter un selo con forte personalidade e delimitado pasaron a apuntarse á última corrente de pensamento que está determinando o futuro da edición galega a través do crecente número de exlectores. Enténdaseme que estou a favor do feminismo como corrente social e laboral, pero gústame ler literatura. Abondoume con memorizar o Catecismo no seu tempo. Cando vin que a critica desenfocada de Pena Presas era un texto central no pensamento de Cortizo e Jamardo, entendín que, simplemente, carecían de criterio editorial.

A historia da súa toma de poder en Urco é curiosa. A David Cortizo gustáballe o proxecto e foi recibindo tarefas ata ser o responsable. Andrea Jamardo empezou de xeito temporal e rematou codirixindo. Urco é unha cooperativa, polo que eles se incorporaron como socios cos dereitos equiparables aos dos sete que xa o eran. Os membros de vello crearan a imprenta Sacaúntos, que era de onde saían os cartos para pagar os soldos e os gastos de Urco.

A nova cúpula creou a colección Mulleres Bravas, que acabou tinguindo de violeta todo Urco. Non andaba eu enganado cando sinalaba que lles viría ben un que outro máster de edición cando esta primavera estiveron a un pelo de dromedario de cargarse Urco. Tras unha concatenación de ofertas e contraofertas para que comprasen a editorial, con avogados polo medio, veñen de quedar fóra. González Ahola anda agora contabilizando danos na paisaxe despois da batalla que se atopou. Polo de agora, mantén a editorial nas súas constantes vitais co obxectivo de editar varias obras a medio prazo.

No primeiro día de clase tras a miña hepatite, sor Rosario fíxonos unha desmitificación das pragas de Exipto que conta a Biblia. Presentando unha como consecuencia da anterior. Ao rematar, sen que conseguise atrapar no aire a secuencia lóxica, arremeteu contra as revistas pornográficas. Nós tiñamos 11 anos e unha idea difusa do que eran, pero a monxa evitou esa consideración:

—¿Os gustaría ver a vuestra madre en una de esas portadas?

Mickey Mouse tras as pragas de Exipto
Comentarios