Opinión

'Fachosfera' académica

Durante máis de corenta anos Polonia, como outros partidos do leste de Europa, estivo sometida a unha durísima ditadura baixo a influencia da Unión Soviética.
Willi Muenzenberg
photo_camera Willi Muenzenberg. TR

Para derribala ou axudar a iso certos países, en particular Estados Unidos, fixeron táboa rasa cos opositores: tanto tiña que fosen os escasos liberais coma os numerosos ultraconservadores que non andaban demasiado lonxe, por exemplo no seu antisemitismo, dos nazis derrotados en 1945 —eran opositores, en calquera caso—. E ademais construíron todo un aparato intelectual, reforzado ao longo dos 90 e representado pola historiadora Anne Applebaum, que dese soporte a esa operación. Cando Polonia rematou convertido nun país fundamentalista no corazón de Europa, miraron para outro lado, sorprendidos coma o capitán Renault en Casablanca.

El fin de la inocencia de Stephen Koch, que volve publicar agora Galaxia Gutenberg en español despois de anos descatalogado, forma parte desa operación de propaganda, coma, por exemplo, o famoso Libro negro do comunismo, elaborado por un grupo de historiadores franceses. O referente español do asunto son intentos revisionistas dos pseudohistoriadores que forman parte do que se deu en chamar nos últimos tempos a Fachosfera, un grupo de medios de ultradereita que disfrazan a mentira de Historia e tratan de facela pasar por materia académica seria e mesmo prestixiosa.

A tese principal é tan sinxela como fácil de desmontar se un acode a calquera libro de Historia serio: a Segunda Guerra Mundial non foi culpa de Hitler, senón de Hitler e Stalin, dous ditadores totalitarios que tomaron como obxectivo da súa violencia as democracias occidentais. Hitler fíxoo de maneira directa, coa agresión posterior a setembro de 1939, pero Stalin foi máis sibilino: desestabilizou todos eses países grazas a unha complexa rede dirixida por un persoeiro digno de película, Willi Münzenberg —quen acapara o relato ata o punto de que Koch ten que aclarar que non se trata dunha biografía súa—, e só lle deixou a Hitler a saída da guerra.

Todo isto pode parecer un delirio do crítico, mais abofé que non o é. Obviamente, Stephen Koch non é historiador nin nada que se lle pareza, senón un simple propagandista de certas ideas. O ensaio aparece inzado de testemuños persoais aos que se dá presunción de veracidade, de referencias a libros que avalan as teses do autor e, o peor de todo, de díxomes, suposicións e deducións. A pegada documental é escasa e a ausencia deses documentos actúa como proba mesma desas teses, xa que se supón que todo isto formaba parte dunha operación secreta da Unión Soviética.

E todo isto mesmo podería pasar por certo porque Stalin está polo medio. Cando un xenocida sádico e manipulador coma el é o vilán do libro, calquera acto é posíbel. Ocorre que Koch comete dous erros básicos que rematan coa súa credibilidade. O primeiro é negar a existencia dos comunistas. Porque si, nos anos 30 en Europa había comunistas, eran antifascistas e non todos eran monicreques dirixidos dende o Kremlin; o segundo, e principal, é facer Historia cunha calidade pésima. 

Pode un soster calquera tese por certa, estraña ou revisionista que sexa, pero cando —por exemplo— decide nomear a Largo Caballero presidente da Segunda República española —o que acontece ao pouco de comezar un capítulo sobre a Guerra Civil, que non é máis ca unha baduada— perde absolutamente todo rigor e fiabilidade. Sorprende que semellantes erros e intencións de propaganda groseira e desinformación teñan espazo nun selo de tanto prestixio e calidade coma Galaxia Gutenberg que, por fortuna, ofrécelles magníficas alternativas para o estudo desta época, caso de Tierras de sangre de Timothy Snyder.

Comentarios