martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Herexías

DAS POUCAS cousas das que podo presumir sen poñelas no currículo e de ter aparecido unha vez con foto e todo en El Norte de Castilla, non porque teña especial aprecio ao xornal senón polo mero feito de que o dirixiu Miguel Delibes, escritor polo que podo declarar rendida admiración e do que imos celebrar dentro dun ano un centenario que agardo sexa ocasión de reivindicación. E é que don Miguel padece un inxusto esquecemento, á sombra dun Cela ou un Umbral, tamén dun Benet, todos quizais máis mediáticos e máis influíntes na xeración de escritores actual, quizais ningún mellor escritor có pucelano.

Quizais a mellor proba do talento de Delibes poda atoparse na súa derradeira novela, ‘El hereje’, que agora edita Cátedra con profusión de notas e aparato crítico, o que vén a consolidar aínda máis obra e autor no canon das letras hispánicas. Todos os escritores citados e algún máis comparten un tipo de carreira: estelar ao principio, digna no seu ecuador e decadente ao final —os que a el chegaron, algo que non ocorreu cun Benet prematuramente finado—.

Non é o caso de Delibes: cando a súa traxectoria semellaba rematada e o seu lugar na literatura española claro, tirou do maxín a que cada vez máis estudosos e críticos consideran a súa obra mestra. É ‘El hereje’ unha novela histórica, pero reducila ás convencións deste xénero sería quedar no seu esqueleto. Ninguén debe ir buscar ás súas páxinas unha trama que progrese con rapidez, uns xiros espectaculares que deixen ao lector na beira do precipicio, uns personaxes atractivos por esquemáticos. ‘El hereje’, como toda gran novela que pertence a un xénero determinado, desbórdao con moito.

Os dous eixos sobre os que se move a narración son o debuxo do personaxe principal, Cipriano Salcedo, e a evocación do Valladolid dos Austrias e toda a súa provincia. Seguimolo o protagonista dende o nefasto nacemento ata a cacharela, pois alí remataban os herexes, e pasamos pola súa mocidade escolar, os seus negocios e os fracasados matrimonios. As terras de Castela vémolas no seu esplendor urbano e rural: os pastos dos rabaños, os viños de Rueda, as características escenas de caza de Delibes, a monumental beleza da Praza Maior e as íntimas belezas das calellas de dentro de murallas e da beira do Pisuerga.

Pero alén da narración atópase a reflexión, con outros dous eixos non menos importantes. En primeiro lugar, o da liberdade de conciencia. Aínda que sexa análise tópica sobre a novela, non por iso deixa de ser menos certa: nela Delibes fai todo unha proclama para o século XXI sobre a importancia do pensamento libre e as consecuencias culturais da represión relixiosa e cultural. De feito, o protagonista racha coa imaxe herética da tradición española transmitida por Menéndez Pelayo na súa historia dos heterodoxos españois e ante o lector aparece como un home normal que chega á nova fe por íntima convicción e tamén un chisco por casualidade.

E en segundo lugar, e quizais máis importante, a reflexión sobre a posibilidade doutra España. En tempos de reivindicación da Inquisición e a España imperial non está de máis lembrar quen representaba qué. E non hai que dar volta a moitas páxinas para ler a Salcedo resumilo nunha mensaxe lapidaria: o Oficio fixo de España un lugar no que a lectura era sospeitosa, e o analfabetismo desexábel e honroso para pasar por cristián vello. Delibes sabía que este pensamento estaba aínda vivo en parte da sociedade do seu país e anticipou o seu espertar nun cuarto de século porque os grandes escritores sempre son faros do pensamento.

Herexías
Comentarios