El tiempo
miércoles. 07.12.2022
El tiempo

O outro lado da raia

GALIZA É un país moi grande e secularmente moi mal comunicado, como todos sabemos e vén de quedar claro coa caída dunha das pontes da autovía nos Ancares. Cos nosos case que 30.000 quilómetros cadrados estariamos nun dignísimo posto 139 entre os países da ONU, mil quilómetros por detrás de Bélxica e por diante de nacións coma Israel, Ruanda ou Eslovenia.

Vén ao caso o asunto porque tamaño e comunicación explican que, por exemplo, un galego de Becerreá non se sinta moi identificado nin coñeza demasiado a historia d’A Guarda, por exemplo. De neno a min iso soábame todo a Portugal... e agora certa novela portuguesa vén a me confirmar que esa intuición non estaba de todo equivocada. Trátase de A casa grande de Romarigães, do escritor portugués Aquilino Ribeiro. Edita Kalandraka, que está a facer un traballo moi salientábel con obras da literatura universal nos últimos meses, e traduce María Alonso Seisdedos –toda unha garantía para ler un galego rico en matices.

Permitiráseme sinalar en primeiro lugar as insuficiencias novelísticas do autor. Ribeiro naceu en 1885 e finou en 1963, unhas datas que comparte grosso modo nada menos ca cun Ezra Pound e con outros escritores do modernismo europeo. Porén, a súa estética é decimonónica e queda fóra do seu alcance calquera experimento co narrador, o tempo ou o discurso. Como moito pódese sinalar a súa habilidade no uso do resumo e a elipse.

Estas dúas últimas ferramentas narrativas son imprescindíbeis para el dada a materia que trata, tamén moi do XIX: unha saga familiar que se prolonga durante tres xeracións, con algunhas voltas e reviravoltas, e que está centrada nesa Casa Grande que dá título ao libro. Se non as usase ou quixese afondar nos detalles estariamos perante un deses documentos naturalistas que pouco tería que envexar a Émile Zola.

Da man de Ribeiro coñecemos a vida dos pobos durante tres séculos, cunha fronteira inestábel nunhas ocasións e inexistente noutras


Xa que logo, onde se atopa o interese de Ribeiro e a súa casa de Romarigães? No terreo simplemente literario, no seu dominio das ferramentas clásicas –nada menos que as dun Cide Hamete citado nalgunha ocasión– e nunha linguaxe saborosa que mestura o popular e as referencias cultas dun narrador omnisciente que se atopa fóra do relato. 

Porén, para o lector galego, e máis para o lector que viva ou coñeza o Baixo Miño, o interese histórico e etnográfico superará con moito ao literario. Malia que Tui tivo e ten bos escritores, véxase o caso de Samuel Solleiro arestora, podemos dicir que a grande novela da comarca ten un autor do outro lado da Raia. Da man de Ribeiro coñecemos a vida dos pobos durante tres séculos, cunha fronteira inestábel nunhas ocasións e inexistente noutras. Nalgunha ocasión os portugueses cruzan o pai Miño para conquistar o val do Rosal e A Guarda; noutras son os españois os que poñen en perigo a independencia do pais veciño; e sempre atopamos o que resulta lóxico: unha historia compartida, uns costumes similares, algo que un galego oriental, por exemplo, non pode comprender do mesmo xeito.

Os personaxes de Aquilino Ribeiro están cheos de paixóns humanas nunha contorna que tamén é familiar ao lector deste lado da Raia: a dunha vida rural marcada pola escaseza de recursos, na que o tempo non pasa tan axiña como poida parecer, cun grande peso dos nobres e –sobre todo– dos cregos, ameazados ambos dende o século XVIII pola Ilustración europea e as consecuencias políticas, que tarde e mal rematarían por chegar a Portugal –en 1828, cando se produciu a guerra civil que deu paso á monarquía constitucional e liberal, e moito máis tarde, en 1974, coa chegada dunha República democrática coa que Aquilino Ribeiro sempre soñara.

O outro lado da raia
comentarios