Opinión

Na guerra actual

UN DOS grandes males intelectuais dos nosos tempos é a continua exposición ás propias ideas, que deriva no descoñecemento de case que calquera pensamento que se opoña a elas. Unha boa receita para superalo é ler os xornais que estean nas antípodas, algo non moi difícil se un ten ideas socialistas, comunistas ou anarquistas na España de arestora; outra, aínda mellor, é especializarse naquel tema que represente o contrario ao pensado. Na miña biblioteca, por exemplo, abundan os libros sobre historia militar, precisamente pola miña oposición á cousa bélica.

De tanto ler sobre fazañas de Aníbal, Alexandre ou Napoleón remata un por collerlle o gusto os relatos sobre a técnica militar, decote non limitada á simple utilización dunhas forzas superiores no humano ou no técnico. E así podemos apreciar os trocos ocorridos dende 1945: desapareceron do escenario da Historia os combates a campo aberto, primeiro, e agora vai camiño de desaparecer a mesma guerrilla, para desgraza da lingua española, xa que o concepto mantén a súa expresión hispana nas linguas máis faladas no mundo.

Sobre as novas formas da guerra e os procesos subxacentes no terreo das ideas trata El sueño de los mártires, o Premio Anagrama de Ensaio de 2018, escrito por un autor arxentino, Dardo Scavino, que desenvolve a súa actividade académica e intelectual en Francia, un dos lugares nos que os novos conflitos adoptaron a súa forma máis crúa.
A nova guerra non ten sequera campo de batalla. Non contamos con moita información, por desgraza, pero sabemos que os Estados Unidos están a utilizar drons en escenarios coma Siria, sobre todo para o que se coñece co arrepiante eufemismo de eliminación de obxectivos selectivos.

Por outra banda, o islamismo radical leva dende finais dos 90 —cos atentados contra as embaixadas estadounidenses en Nairobi e Dar es Salaam— usando con efectividade a táctica do terror exercido contra poboacións civís de grandes centros occidentais. A cifra de mortos que unha e outra actividade xeran está moi desequilibrada: as vítimas musulmás son moito máis numerosas, pero en Occidente iso semella importarlle cada vez a menos persoas.

Unha anécdota baseada nestes feitos serve de fío condutor ao texto de Scavino: tras os atentados de Madrid en 2004 os rapaces da súa clase decidiron gardar uns minutos de silencio. Todos? Non. Sete musulmáns quedaron nas súas cadeiras. Todos se sentían arrepiados polo crime, sentían solidariedade polas vítimas daqueles trens,... pero nos oídos do seu mestre resoou unha afirmación incómoda e irrebatíbel: "Cando nos matan a nós, eles non fan un minuto de silencio". Só nos 71 días daquel ano morreran arredor de 10.000 bagdadíes inocentes nos bombardeos estadounidenses, na procura dunhas armas que nin sequera existían.

O ensaio de Scavino presenta con este punto de partida unha serie de realidades tan difíciles de rebater como de combater no terreo práctico. Os laicos das sociedades occidentais non podemos aceptar a aplicación do principio de tolerancia de Popper a pobos cun concepto salvaxe da xustiza. Pero tampouco podemos apoiar a visión etnocéntrica europea, que non ten outra base ca do cristianismo que procura destruír o inimigo. E no medio desta loita relixiosa aparece outra realidade incómoda: o fracaso de sociedades como a francesa á hora de integrar o diferente, darlle un benestar económico mínimo e convencelo pola vía da educación de que os valores da convivencia están por riba daqueles que sosteñen que a mellor maneira de castigar a un delincuente estaba xa en Hammurabi.

Comentarios