Opinión

Narciso nos USA

the smiths
photo_camera the smiths

Todos temos os nosos defectos e eu non son menos: teño unha boa dose de ego. Isto non me converte –iso din os que me coñecen, polo menos; quen sabe se será unha mentira piadosa– nun egoísta nin nun narcisista, senón en alguén que sempre quere quedar por riba –ou fardar, como din as miñas alumnas–.

Vén a conto a sutil distinción entre narcisismo, egoísmo e ego porque esta semana caeu nas miñas mans un clásico da socioloxía estadounidense, La cultura del narcisismo, de Christopher Lasch. Obra gañadora do Premio Nacional do Libro en Estados Unidos no ano 1980 e referencia para entender moitos fenómenos actuais, inexplicabelmente non estaba traducida ao español. Punto a anotar para Capitán Swing, a editora responsábel do traballo.

Para valorar a xeito o libro de Lasch temos que facer dúas advertencias previas. En primeiro lugar –e a pesares da fotografía de contraportada–, non trata sobre asuntos tecnolóxicos de ningún tipo, o cal é lóxico xa que os dispositivos persoais apenas existían cando se escribiu, polo que as reflexións sobre isto que poden derivarse son de carácter filosófico xeral –o que non lles quita valor, pero si concreción–. En segundo lugar, a obra escribiuse a finais dos 70, no ronsel do escándalo Watergate e nunha época de pesimismo xeneralizado nos Estados Unidos, o que achega un ton apocalíptico que, dende a nosa perspectiva, non semella xustificado.

Aborda Lasch nos primeiros capítulos nocións relacionadas co narcisismo como fenómenos psicolóxico e mesmo médico. Supoñemos que serán de interese para os especialistas, mais non para un lector lego e, por exemplo, as referencias á psicanálise e o inconsciente falan dunhas ideas que decaeron nas catro décadas posteriores. Moi distintos son os seguintes capítulos, nos que Lasch realiza unha análise crítica, demoledora e aínda actual do narcisismo en eidos como a política, a educación, os sentimentos e o funcionamento da autoridade social.

Os capítulos sobre política e educación están no centro da obra e o lector español actual pode tirar moito partido deles aínda que non todas as situacións sexan extrapolábeis –pénsese que estamos perante un tratado de socioloxía estadounidense, non diante dunha obra dun carácter máis xeral e aplicábel a calquera contexto–. No dedicado á cousa pública atopamos a conexión dese narcisismo con conceptos tan familiares para nós como a política-espectáculo e a posverdade e asusta ver a capacidade prospectiva do autor, quen de definir o valor da mercadotecnia, a táctica e a imaxe baleira por riba do valor das ideas e mesmo os feitos sustentados nesas ideas.

En canto á educación, situase Lasch no centro dun debate máis fervente ca nunca: pode un Estado aspirar a educar as masas na cultura dos grandes logros intelectuais da humanidade? A súa resposta, baseada na experiencia, é que non. O caso é que a conexión co fenómeno do narcisismo non semella clara agás que aceptemos unha petición de principio: que os estados empobrecen a educación dos seus cidadáns precisamente para facelos máis ignorantes e individualistas. É un chimpo conceptual considerábel e que achega perigosamente ao autor a teorías conspiradoras dificilmente comprobábeis dende o punto de vista da ciencia sociolóxica.

Ocorre que, pasado o ecuador do libro e aberta a porta coa educación, ese salto conceptual prodúcese con frecuencia, co que atopamos un libro cuxas ideas teñen grande interese e que, sen dúbida, ten un considerábel valor para explicar a nosa realidade,... pero cuxa metodoloxía e cuestionábel abondo, polo que un lector serio terá crecentes dificultades para mercar unhas conclusións atinadas, pero de orixe escura ou descoñecida. Malia isto, Capitán Swing volve triunfar cun traballo histórico e provocador, de interese para un amplo grupo de lectores –narcisistas e non narcisistas–.

Comentarios