viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Unha nova humanidade?

PROLIFERAN DENDE hai uns anos, quizais impulsados polo grande éxito editorial de Yuval Noah Harari, os libros sobre o futuro da humanidade e a posibilidade de que a nosa relación coa tecnoloxía teña xa dado paso a unha nova idade, o Antropoceno, que substituiría ao Holoceno e que suporía a aparición dun novo ser humano, máis semellante á 'muller biónica' daquela serie dos 80 que aos individuos que veñen de atopar vostedes ao baixar mercar o pan e este xornal.
darwin

Cunha perspectiva máis centrada nos asuntos da comunicación e no caso español vén de tirar Cátedra do prelo Darwin en el desván, unha obra na que Armand Balsebre e Antoni Vidal relacionan progreso, submisión tecnolóxica e o papel dos medios de comunicación. A tese é sinxela e similar, por exemplo, ao recente e gabado libro de Shoshana Zuboff: no último século ou pouco máis o ser humano creou unha tecnoloxía para a intercomunicación e a transmisión de información e foise facendo, progresivamente, máis dependente do seu invento. A pregunta é ata onde pode chegar esa dependencia á luz do que está a acontecer no comezo do século XXI.

Como Balsebre é historiador dos medios de comunicación resultan de grande interese as moitas páxinas dedicadas ao desenvolvemento destes en España, un asunto do que existe moita bibliografía, pero pouca en obras de divulgación e pouco coñecida para as xeracións novas, en especial cando se trata de medios como a radio, hai só unhas poucas décadas chave para a información inmediata e agora nunha crise que deixa pequena a do papel, superada polo efecto de certas redes sociais e páxinas web.

A historia destes medios tradicionais contrasta para os autores coa máis recente traxectoria das novas tecnoloxías. Nunha renovación da dicotomía entre medios fríos e medios quentes —segundo a atención que requiren do usuario—. Balsebre e Vidal opoñen o primixenio ao actual, que, segunda unha perspectiva un chisco apocalíptica, mediatiza a vida das persoas, rouba a súa privacidade e prexudica, en especial, a capacidade dos máis novos para se concentrar e afrontar retos intelectuais máis complexos —asunto que, por outra banda, está nos debates sobre educación e plasticidade cerebral hai tempo—.

É razoábel pensar que a tecnoloxía vai transformar de xeito tan fondo ao ser humano que rache a cadea da súa evolución ata o punto de que se poda prescindir de Darwin?

Aínda que se podan facer certas críticas a este corpo de ideas, a súa documentación, os argumentos utilizados e a magnífica retórica dos autores fan que esta parte da obra sexa pouco cuestionábel. A pregunta que debe facer o lector é se procede o chimpo conceptual que se dá a continuación e que dá título ao libro. É razoábel pensar que a tecnoloxía vai transformar de xeito tan fondo ao ser humano que rache a cadea da súa evolución ata o punto de que se poda prescindir de Darwin?

Dende o noso punto de vista é como pouco unha conclusión precipitada. Semella evidente que estamos preto do enorme avance que vai supoñer a computación cuántica —moi ben explicada nesta obra— e os miopes devecemos pola aparición dos lentes intelixentes que nos dean agudeza visual, por exemplo. Mais non é sinxelo ver como o mundo se pode transformar no imperio das máquinas, como poden substituír ao ser humano ou como o poden modificar ata tal punto de control que Darwin remate no rocho da Historia.

 Estas proxeccións corresponden máis ben a unha distopía, en concreto ao Mundo feliz de Aldous Huxley, o que os autores citan en varias ocasións. O bo desta sombra distópica é que axuda á lectura e que, no fondo, os defensores destas ideas xogan con vantaxe: se erran, dentro de cincuenta anos ninguén lles vai pedir contas; se acertan, serán uns profetas venerados polos últimos humanos da nosa clase e o seu será un triunfo pírrico.

Unha nova humanidade?
comentarios