lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Bernardo Atxaga, a imaxinación e a memoria

VÉN DE conseguir o Premio Nacional das Letras 2019. Merecidamente e co acordo dos presidentes das Academias das catro linguas do Estado. Así o decidiron tamén representantes das universidades, escritores, críticos, xornalistas. Todos sinalaron a súa contribución á modernización e á proxección internacional do euskera e do castelán. Máis comprensible éche o que conta o escritor. Que escribir nun idioma minoritario ten resonancia inmediata na sociedade que mamou dos tetos desa lingua. Que cada libro publicado convértese nun acto político. Porque as catro linguas do Estado son política e riqueza.

Atxaga leva xa corenta e sete anos pescudando nas rimas, nos contos, nas cancions de tradición oral, nas raíces culturais, nas paisaxes ancoradas nas corredoiras da vida. Conta que a nai era mestra, carpinteiro o pai: mestura feliz do cincel da palabra e da quentura das mans esculpindo imaxinación e memoria na tarefa de escribir.

O Nacional das Letras, creado en 1984, nunca premiara a un escritor en lingua vasca ata este Bernardo Atxaga, Cómpre subliñar que cando se fala de letras españolas estase a falar do euskera e do galego, do catalán e do castelán. Unha riqueza multiplicada por catro onde collen Castelao e Atxaga, e Rosalía de Castro, e Margarit premio Cervantes 2019, ou Miguel Hernández.

Agora só queda ler, reler os libros deste escritor grande. Recuperar a xeografía mítica de Obabakoak, o rural cheo de fantasía. Como non gozar co libro xuvenil, Memorias de una vaca, dobremente rumiante de herba e de recordos dos anos duros da postguerra. Todo semellan reflectir os grandes ollos da vaca, o silencio animal, a sabedoría rumiante da nai nutricia, as ganas de vivir. Ou acompañar a Joseba e David, El hijo del acordeonista, na busca da memoria e da amizade, da saudade pola terra desde o inferno da guerra e da violencia, un calidoscopio de tempos, lugares que iluminan as cores de amor. Para non perder nunca a memoria da dor e do sangue, a violencia que metastizó de terror e silencio tantas vidas, tantos anos.

Fartos de malas noticias, dos berros intolerantes de nacionalismos enfrontados como os dous brutáns que pintou Goya, queda a beleza e a intelixencia do escritor contándonos a portentosa noticia de que hai vida máis aló do ruído e a furia que asolaga un país que le pouco. Tantos libros de Atxaga por ler, para mergullarse nun tempo necesario de silencio que enfronta dúas soidades, a do escritor, a do lector.

Escribe, di, con dúas mans. A da memoria escondida nos seus faiados. A da imaxinación que modela a realidade. Coa man creadora do pai que esculpe o corazón quente da madeira. Coa man da nai, mestra e tecedora de palabras. Ao fin, imaxinación e memoria. Bernardo Atxaga.

Bernardo Atxaga, a imaxinación e a memoria
Comentarios