lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Camiño a ningures

NIN ELAS, nin eles saben cantos son. Miles. A poalla da fuxida multiplica o caudal de desesperados. Como a vida onde viven non é posible, foxen. Escapan da violencia pandilleira das maras, da miseria imposta polas élites. O chamado Triángulo Norte engloba a tres non-países, Guatemala, El Salvador, Honduras: patio traseiro USA.

Fuxir, deixar atrás a crise insoportable. Cada paso de cada familia rota, de cada nai co bebé no colo éche un milagre. Camiñan co posto e van atopando no camiño chiscos de quentura humana, unha man amiga, auga, un pouco de comida, uns quetchales.

No éxodo de finais de ano dos migrantes hondureños do departamento de Colón non hai obstáculos insuperables. Fartos do non-goberno, indignados, caminan xuntos para mostrar o músculo do grupo diante das dificultades, ríos, fronteiras.

Se grande é a falta de comida, o cansancio, as feridas nos pés, máis grande é a forza cativa dos fillos, da familia que quedou atrás. Diante, o excesivo Trump, coa fronteira militarizada, coa ameaza do muro inexpugnable. Dispararán os soldados contra estes delincuentes? Separarán aos fillos das nais? Mellor farían en preguntarse o porqué de tanta desesperación. Ou como a deportación masiva de pandilleiros latinos desde as cidades californianas acabou por destruír sociedades centroamericanas. De como armaron ata os dentes ditaduras contra a xente. Son historias antigas borradas polo matonismo do America First e da ruptura de regras de xogo que multiplica problemas no planeta.

A paisaxe nalgunhas zonas é desoladora: marxinación, violencia, maras, desemprego, falta de oportunidades para a mocidade. Por se fora pouco, outra vez ditaduras bananeiras en Nicaragua e Venezuela cuspindo centos de miles de desesperados.

Acostumada a maltratos e adversidades a xente ten pouco que perder. Conserva a esperanza que agora lles queren arrebatar. "Non temos medo!" berran. E diante das ameazas de cortar axudas aos seus países: "Nós nunca fomos beneficiarios desas axudas". "Somos os que comemos a crise, a violencia, a inseguridade, –di Orbelina– e esta é a nosa folga de fame". E como detrás non queda nada seguen cara adiante: ata catro caravanas percorreron México desde outubro ata quedar varadas na fronteira. Agora outra caravana tenta escapar do mesmo inferno. "Non te vaias, irmán" din as mensaxes. "En Honduras mátannos", retrucan. E vanse.

O presidente de México ofrece visados de traballo para plantar un millón de hectáreas con froiteiras e árbores maderables. Traballo para catrocentos mil campesinos. Cantan: "Non somos criminais, somos traballadores internacionais!". "O meu soño é que os fillos medren sen drogas. Que vivan ata ver aos fillos ter fillos", di unha nai. Diante érguese o Telón do Medo, onde remata o camiño a ningures.

Camiño a ningures
Comentarios