martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Non disparen contra a mestra!

NIN CONTRA o mestre: só que elas son máis. En Brasil, un tal Bolsonaro, incriblemente presidente, anima a denunciar a profesoras e profesores que adoutrinen. E, xa postos, a borrar das paisaxes educativas a figura xigante do pedagogo Paulo Freire.

En EE.UU., un tal Trump, incriblemente presidente, tenta xibarizar o presuposto das universides en sete mil millóns de dólares. Di, aínda que non o entenda ben, que as aulas están copadas por profesores liberais. A saber o que entenderá por liberalismo.

Aquí e acolá recortan nas carreiras de Humanidades, sobre todo filosofía, non vaia ser o demo que a estes polos con acné lles dea pola funesta manía de pensar.

Os gobernos da dereita dura, expertos en solucións fáciles a problemas difíciles, non queren cidadáns críticos, tolerantes, con capacidade de diálogo. Vailles mellor con tipos en estado delirio, vociferantes, hooligans dos berros, bandeiras, consignas e abondosa sementeira de odio.

Velaquí o problema da educación: non fomentar o pensamento crítico para crear cidadáns conformistas diante das Administracións. Xusto cando hai que loitar polo contrario: a rebelión dos desfavorecidos usando a arma máis eficaz: o acceso á educación. Unha educación que sempre é política porque ten que ver co poder, coa historia e co futuro, cos problemas da cidadanía, coa cultura.

A historia que contan as mestras, o futuro que imaxinan os mestres reflíctese nos contidos que ensinan. Máis aló dos castigos, dos exames, da memorización de castrantes apuntes, o primeiro é educar, rebelarse contra o silencio e o conformismo.

Formar alumnos, alumnas contra o silencio, contra os medos, capaces de se enfrontar aos bárbaros e ás ideas antidemocráticas que tentan apagar as luces europeas. Se cede a escola, cede a democracia. Por iso os populismos substitúen as ideas por eslogans e consideran perigosos aos que pensan, primeiro verbo que hai que conxugar nas escolas. Non se trata de crear trunfadores cun bo traballo, senón de reclamar un bo sistema educativo, de saúde, de vivenda, de redistribución dos recursos, cousiñas que están na Constitución.

Son as mestras, son os mestres os que axudan a poñer os alicerces da persoa. Os cimentos máis fortes colócanse nos primeiros anos. Preparan para vivir convivindo e non para seren autómatas no traballo. Cidadás e cidadáns en construción capaces de se enfrontar aos poderes, ás arañeiras das redes, aos discursos tóxicos.

A sociedade éche unha construción conxunta e non un sistema competitivo con vítimas e depredadores, gañadores e perdedores, trunfadores e prescindibles. Son cousas que se ensinan, que se aprenden nas escolas, nos institutos, nas universidades. E que se tentan silenciar disparando contra a mestra.

Non disparen contra a mestra!
Comentarios