jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

Continua ou alterna

Angus Young é unha das iconas do rock and roll. Canda seus irmáns liderou AC/DC, unha das bandas de rock máis celebradas da historia. Atrás da sempiterna imaxe xuvenil, coa súa vestimenta de colexial díscolo, hai un roqueiro abstemio que pareceu vencer ata agora o paso do tempo. Tanto ten se é alterna ou continua, o importante é que siga a corrente.

Ë DIFÍCIL abstraerse da enerxía de certas cancións. Algunhas delas son especialmente desaconsellábeis para meditación introspectiva ou a condución. You Shook Me All Night long, Highway to Hell, Thunderstruck, Rock N’ Roll Train son exemplos dalgunhas delas. E case resultará imposíbel que non viras ningunha vez polo televisor alguén vestido de colexial facendo o baile do pato de riba dun escenario.

Angus McKinnon Young (1955, Glasgow, Escocia) era o máis novo de sete irmáns. Seu irmán Malcolm nacera dous anos antes, pero foi súa irmá quen introduciu a familia na música de Chuck Berry, Fats Domino e Little Richard. Malia iso, foi unha actuación en directo de Louis Armstrong nun estadio de fútbol a que impactou enormemente o neno. Quen primeiro coñeceu o éxito musical foi outro irmán maior, George; pero isto non evitou que a familia emigrase a Australia en 1963, aproveitando un programa de axuda á emigración que deixaba unha viaxe tan longa nas 10 libras por persoa. Seu pai perdera o traballo, así que se asentaron nun barrio humilde de Burwood, en Sidney, canda outras familias maiormente danesas e británicas. Axiña proliferaron na zona as bandas de garaxe. George Young formou un grupo chamado Easybeats, e só dous anos despois da súa andaina,  o grupo chegou á cima da música australiana. Era unha febre semellante á que espertaban os Beatles no resto do mundo, para entendérmonos. O dato é importante porque Angus Young e seu irmán Malcolm eran nenos cando seu irmán chegou ao número 16 nas listas de éxitos de Estados Unidos e ao número 6 nas do Reino Unido. Seu exitoso irmán era quen lles remitía os discos coas últimas novidades a Australia.

Angus estudou porque había que estudar, pero cando remataba as clases, bulía á casa e, sen quitar o uniforme, marchaba ensaiar con seu irmán. Logo dun intercambio de opinións co xefe de estudos do instituto, con catorce anos, este pediulle que o abandonase. Seu pai, quen xa vivira a mesma situación con seu irmán Malcolm dous anos antes, non puxo moitas eivas á deserción escolar, pero aconselloulle que investise tempo na biblioteca e non deixase de aprender. E foi alí onde Angus descubriu a revista de rock Down Beat. Así que os dous irmáns combinaron a súa paixón musical con improbábeis traballos en vistas ao futuro: Malcolm Young traballou como técnico de mantemento dunha fábrica de suxeitadores e Angus traballou por un tempo na imprenta da revista erótica Ribald. Parece que esta experiencia marcou fortemente os dous irmáns e debeu ter unha influenza bastante notábel nas letras posteriores de AC/DC.

Malcolm Young únese a unha banda australiana chamada The Velvet Underground -non é a banda de Lou Reed- que fai versións de The Doors e Jefferson Airplane. Angus, aínda menor de idade, ten permiso dos pais para ir velos actuar dende o lateral dos escenarios. Cóntase que dada a súa estatura e a súa condición de menor, insistíalle aos porteiros dos locais en que era anano para que lle deixasen pasar. Angus aprendeu a tocar a guitarra nese contexto, de xeito autodidacta e por conta propia até que o irmán maior, George, volveu de Inglaterra e abriu o seu estudio de gravación. Contratou como músicos de sesión os seus dous irmáns pequenos.

Angus comeza a chamar a atención polo seu ritmo frenético e constante no escenario, á par que pola súa indumentaria, hoxe xa icónica: un traxe de escolar en pantalón curto

Cando Malcolm abandona o seu grupo e decide montar un novo, pon un anuncio no xornal. Pensa en incorporar un teclista pero entón Angus queda sen banda e fanlle unha proba. Pásaa sen problemas e agora só falta poñerlle un nome ao grupo. Non lle dan moitas voltas e conclúen que teñen o nome perfecto: Third World War (Terceira Guerra Mundial). Hai discusións na orixe do nome definitivo. Algunha xente opina que foi súa irmá Margaret quen viu nunha máquina de coser as letras AC/DC; outra xente afirma que foi a muller do irmán maior, George, quen o viu escrito nunha aspiradora. AC/DC fai a súa primeira actuación nunha festa de fin de ano nun garito de Sidney. Son versións dos Stones, Beatles e Chuck Berry. Hai bastantes cambios na batería e no baixo durante os inicios, ocos ocupados normalmente por George, o irmán maior. Pero comezan a destacar nas súas actuacións e a prensa faise eco da súa calidade. Fan de teloneiros durante unha xira australiana de Lou Reed e Angus comeza a chamar a atención polo seu ritmo frenético e constante no escenario, á par que pola súa indumentaria, hoxe xa icónica: un traxe de escolar en pantalón curto. Nesa época probou tamén de Spiderman, Zorro e SuperA(ngus), cunha cabina de teléfono incluída, idea que desbotou logo de quedar pechado nela en plena actuación. Noutra delas, tropeza cos cables, cae ao chan e segue a tocar dende alí, coma revolvéndose da dor. Posteriormente, incorporará este elemento como parte do repertorio escénico. 

En 1974 botan o cantante Dave Evans da banda, selando a decisión o axente do grupo, quen despide o artista mandándolle unhas hostias logo de discutiren. A chegada do gran cantante de AC/DC, Bon Scott, ten lugar malia as reticencias de Angus, que o vía demasiado vello para o rock (tiña 28 anos, nove máis ca el). Unha hora antes da súa primeira actuación, repasan todas as cancións que saben e Bon Scott mentalízase cun pouco de marihuana, cocaína e speed. Sae ao escenario e clava o concerto. Malia este contexto, Angus Young non bebía nin fumaba máis ca tabaco. Será isto o que provoque que expulsen o manager, quen tentaba pagarlles en ocasións con substancias ou alcohol.

High Voltage é o primeiro disco do grupo que, nesta liña, contén temas como The Jack (co dobre sentido en alusión ao pene e ao conector da guitarra ao amplificador) ou Crabsody in blue (que parodia o Rhapsody in Blue de George Gershwin e insiste no dobre sentido, en alusión a crabs, que é a forma coloquial de piollo pato ou ladilla), por varios episodios vividos por membros do grupo durante aquel tempo.

No 76 trasládanse a Inglaterra logo de gravar o seu segundo disco e coñecen un importante éxito, que se prolongará coa aparición de Let There Be Rock (1977), Powerage (1978) e o histórico Highway to Hell (1979) catapúltanos directamente ao éxito mundial. En 1980 falece por intoxicación etílica Bon Scott e substituírao Brian Johnston, que aportará o seu carisma e a súa pegada felina e aguda como cantante ata a actualidade (abandonou temporalmente o grupo por risco de quedar xordo, sendo substituído ocasionalmente por Axl Rose, o líder de Guns N’ Roses). Aínda así, asinan outro disco para a historia, Back In Black (1980), en homenaxe ao compañeiro falecido.

O verdadeiro mérito de AC/DC ten a súa cerna na arquitectura musical de moitas das cancións, convertidas en éxitos para a súa lexión de fans. E este é un mérito coral dos irmáns, só posíbel por un coñecemento moi claro da dinámica do rock e o dominio técnico; os fraseos repetitivos, en forma de sucesivos acordes que comezan a invadilo todo progresivamente ata a súa mestura cos riffs e as partes vocais teñen moito que ver co papel de Malcolm Young na guitarra rítmica, malia que intercambiará ao longo do tempo este rol con Angus. Esta concepción unívoca e rítmica do rock, con melodías facilmente recoñecíbeis únese a letras que, no seu día, puideron soar divertidas ou transgresoras. Bon Scott, o cantante, adoitaba escribir algunhas delas coma quen pinta un graffiti. Pero a meirande parte teñen que ver, en xeral, cunha serie de inquedanzas masculinas: o alivio sexual, a gana de foder, a sede, as drogas ou directamente a vexación dalgunha muller... A canción She’s got balls (Ela ten bólas) escrita por Bon Scott en homenaxe á súa ex muller Irene, di: á miña muller gústalle andar coas mans e os xeonllos pousados no terrazo/non fai falta que ninguén lle explique nada... Sexa como for, a fórmula resultou. O discurso é fácil de interiorizar e, doutra banda, as persoas non anglófonas temos certa desculpa: non entendemos durante moito tempo parte das letras e, ¿cantas veces non escoitamos a voz en inglés coma quen escoita un fodido saxofón?

Angus Young parece decidido a seguir até o final. Son tres acordes. Probabelmente sexan malas letras

Parella ao talento musical, cómpre subliñar a pericia comercial que fixo posíbel manter durante a década dos noventa ata a actualidade a marca do grupo, en base a unha proposta que non pretende ofrecer máis ca rock and roll en estado puro, dende o boogie pesado ao heavy metal enchoupado en testosterona, incendios hormonais e rebeldía xuvenil. Pero nese contexto, foi fundamental o papel dos tres irmáns: Malcolm, Angus e George. Ingresos anuais de 200 millóns de dólares ao ano -cando non hai xiras- dan conta do recoñecemento que lles profesa o gran público, entregado aos cada vez máis desbordantes espectáculos dos seus directos. Malcolm abandonou o grupo no 2010, e oficialmente a banda recoñeceu en 2014 os seus problemas de saúde. Finou hai dous anos, o mesmo ano en que morreu o irmán maior, George. Pero Angus Young parece decidido a seguir até o final. Son tres acordes. Probabelmente sexan malas letras. Pero é rock and roll. É AC/DC.

 Tes nove anos. O mestre abúrrete. Só podes pensar en Little Richard e en suar cando fagas ruxir esa guitarra. A escola non é para ti. 
Tomar polo cu. É o que hai.

Back in Black
O primeiro disco de AC/DC en homenaxe ao seu finado cantante, Bon Scott é un exemplo da arquitectura musical dos irmáns Malcolm e Angus Young, coa voz de Brian Johnston. Pero non é exactamente melancolía o que provoca escoitar clásicos coma You shook me all night long, Hells Bells ou Shoot To Thrill. Urxencia, desexo, velocidade, loucura. Que máis dá?

Continua ou alterna
comentarios