jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

Poeta en Granada

Joe Strummer foi o líder atípico e indiscutíbel de The Clash. Canda eles, creou unha poética militante e punk, chea de humanismo nunha maraña de guitarras e distorsión eléctrica. Coñeceu o éxito e a caída absoluta e buscou a redención nos anos 80, en Granada, onde tentou encontrar a Lorca. Non foi quen, pero reencontrouse. E marchou antes de tempo
Joe Strummer
Joe Strummer

GRANADA, 1984. Pub Silbar. Dúas da mañá. Un inglés de aspecto desastrado aparece da nada, entre a néboa do fume de tabaco, cabezas bañadas en glitter e corpos embutidos en chupas de coiro. Cunha man apura o gin tonic do vaso de tubo. Coa outra, terma dunha libretiña chea de letras de cancións en inglés. Achégallas a un guitarrista local, que bebe estomballado na esquina da barra sen facerlle moito caso. Toca nun grupo local de punk, os 091.

—¿Sabes quién es? — pregúntalle expectante o pincha e batería do grupo ao seu compañeiro.- Parece Joe Strummer, coño, ¡el de The Clash!

Non pode ser. Para saíren de dúbidas, chaman a Jose García, o cantante do grupo, quen foi ver os Clash a Madrid non hai moito. "¿Quién es ese? ¡Ese es Joe Strummer!" O inglés faise o sueco. Entón o pincha pon London calling e o guiri sorrí de esguello. Dan as catro da mañá e, cando xa só quedan os do grupo e máis o guiri, el dilles nun penoso castelán: "Vosotros saber ia quien soy io". Quedan en verse ao día seguinte, para tocar. A nova corre coma a pólvora entre os músicos de Granada. Jesús Arias, líder dos TNT —outro grupo punk — e irmán do baixista de 091 aparece á noite seguinte no Silbar. Achégase ao inglés: "¿Tú eres Joe Strummer?" E o guiri respóndelle: "¡Claro! ¿Qué quieres beber, hombre?".

Strummer herdara o sentido da hospitalidade de seus pais, era así: compartía o subsidio por desemprego cos amigos, procuraba que a ninguén lle faltase unha pílula de LSD que levar á boca, miraba que ningunha noiva dos demais membros do grupo tivese que durmir nunca soa..Era de estar nesas pequenas cousas. O líder natural de The Clash (Ankara, Turquía, 1952; Broomfield, Reino Unido, 2002) tivera unha infancia viaxeira. El e seu irmán naceron en Turquía porque o pai  — británico, de orixe hindú — era diplomático do Ministerio de Asuntos Exteriores. De aí trasladáronse a Mexico D.F. e despois a Bonn (Alemaña). Finalmente, volveron a Inglaterra, onde os dous irmáns foron a un internado de corte autoritario. Joe, o pequeno, axiña desenvolveu unha natural querenza por ir contra a autoridade. "Dende ben cativo observei que a autoridade era un sistema de control que non entrañaba ningunha sabedoría inmanente: por tanto había que ignorala e ir contra ela". Percorre oito quilómetros nunha tentativa de fuga, pero cólleno. De cando en vez, sacude quen colle por diante. Polo de golpear primeiro. Mantén unha terríbel relación co pai por culpa das notas. Ninguén as saca peores.

Namorará do rock and roll escoitando os Beatles e o Not fade away dos Stones. E cando os ve na televisión interpretando o Come on de Chuck Berry, sabe que non hai marcha atrás. Con 18 anos, acaba o bachiller e volve a Londres. Obtén unha praza na Escola Central de Artes, pero axiña comprende que alí non aprenderá nada. Un día, cego de LSD, cóase nun tren de Norwich a Londres, cunha carpeta de bosquexos baixo do brazo. Bótano do vagón e tira a carpeta no lixo. Merca un ukelele e ponse a tocar Sweet little sixteen no metro, seguindo un bluesman negro chamado Tymon Dogg. E Joe faise chamar por aquel entón Woody —polo cantautor Woody Wuthrie—. Vagabundean polas rúas de Francia, Bélxica e Holanda. Nesas, chega a Gales e en Newport encontra traballo de sepultureiro, pero bótano por quedar durmido dentro dun nicho, logo dunha noite sen deitarse. No 1970 sofre a morte de seu irmán maior, para daquela convertido ao nazismo e membro da Fronte Nacional. Na Escola de Arte de Newport ten un grupo, The Vultures. Tocan por vilas de Gales. Pero o público — cando non lles desafina os instrumentos nos descansos — guíndalles os vasos á cabeza, logo de beber.

Queda fascinado por un disco de Paco Ibáñez con textos de Góngora e García Lorca

No 74, Joe Strummer volve a Londres. Descobre o reggae e o dub. E comeza a frecuentar unha casa okupa. Monta outro grupo, os 101’ers. Fan rockabilly de letras directas: "Pisádelle ó gas, tíos/ imos pirar/ Non quero pasarme cos chavales da aldea/ que lle piden caña ó grupo e dalles igual a roupa/ non teñen puta idea/ Pasamos a toda hostia por onda o club/ pola outra banda da curva/ estamos arruinados/ non hai razóns pra sorrir". E alí coñece a Pamela e súa irmá, dúas rapazas andaluzas devotas de Lorca.

Queda fascinado por un disco de Paco Ibáñez con textos de Góngora e o poeta granadino. E con elas asiste a unha representación de ‘Yerma’, a obra de Lorca. Pamela e Joe namoran. Ela funda o grupo punk The Slits —en alusión aos xenitais femininos—. Strummer e a súa banda alugan un club e, nunha sala do primeiro andar, cobran entrada a quen queira velos tocar. O garito énchese de xente estraña e de cans que deambulan polo medio. Hai roubos, drogas e diversión. Unha desas noites coñecerá a Mick Jones, Bernie Rhodes e Paul Simonon, que andan á busca dun novo cantante. En agosto do 76, canda o batería Terry Chimes, The Clash ofrece o seu primeiro concerto, actuando como teloneiros dos Pistols. O novo punk ten un mes escaso de vida e eles están no mesmo epicentro.

A identificación do público coa banda é case inmediata. E chega o éxito fulgurante, as xiras mundiais, a conquista do mundo nos seguintes sete anos, pero tamén as disputas e a disolución: todo do 1977 ao 1984. A canción 1977, a xeito de profecía maldita: "1977/ á merda a ledicia/ 1978,1979/ quedei na cama/ 1981/ o baño non funciona/ 1982,1983/ aquí vén a policía/ 1984".

En 1984, Strummer foxe a Granada. Con Jesús Arias — líder de TNT que se converterá no mellor dos amigos granadinos — viaxa ata Víznar, onde se pensa que poden estar os restos de Lorca. Na praza da vila, Strummer proponlle ao seu amigo mercaren picos e pas. Quere desenterrar o poeta. Entón seu amigo lévao á paraxe onde se sitúa a desaparición de Lorca. Joe queda en silencio e comprende que é unha misión imposíbel. Con bágoas nos ollos, acende un canudo e dille a Arias que o destino fixo que se encontraran alí por algo. E faille prometer que un día volverán alí cunha guitarra e escribirán unha canción na memoria do poeta. Strummer confésalle que chora porque sente a dor dos asasinados. Pero nunha entrevista de radio por eses mesmos días, confesa os tres motivos que o levaron a Granada: primeiro, porque está obsesionado con Andalucía; segundo, porque a atmosfera de Londres é depresiva, e terceiro e máis importante, para sentir e comprender a tristeza dos erros do pasado. El era así: serio sen ser solemne, calado sen resultar distante; cunha franqueza simple e directa, insistente na verdade.

Strummer cargaba cun forte sentimento de culpa, logo de expulsar o batería Topper Headon e Mick Jones do grupo e de fracasar na tentativa de seguir con The Clash. E nos 091 encontra un grupo entusiasta con madeira de artistas. Comezan a gravar e Joe quere producilos, un disco en castelán e inglés que os faga internacionais. 1985. Nos estudios de Zafiro, Strummer convoca a Radio Futura para que lle boten unha man na tarefa e acabará compartindo piso en Madrid con Luis, irmán de Santiago Auserón. O líder de Radio Futura afirma que o tratan como fans, pero el axiña promove o intercambio e o diálogo fluído. Auserón búscalle un Dodge Barreiros, un utilitario de corte americano en cor perla. E o inglés pronto o estrea, traballando a carrocería contra as esquinas das rúas de Malasaña.

Faise devoto do Niño de Olivares, un cantaor flamenco, e profunda no xénero.

Zafiro — propiedade do Opus — non confía en Strummer, así que este plántase un día na recepción da discográfica cos Radio Futura. Do ascensor sae unha muller morena, envolta nun abrigo branco de pel e cun cigarro sen acender. Joe ergue e exclama: "La viuda de Paquirri!" É Isabel Pantoja, e Strummer achégalle o chisqueiro. Ela acende o cigarro e marcha, sen saber que lle deu lume o cantante de The Clash. Baixan a Granada no Dodge de Strummer e páraos a Garda Civil. Joe Strummer saca unha cinta de Manolo Escobar e di que ía rápido porque súa muller está embarazada. Xuntan todo o diñeiro que teñen en pesetas e libras, e danllo nunha bolsa de plástico. O garda civil déixaos marchar. Con Jesús Arias adoita ir a Fernán Pérez, unha pequena vila onde lle gusta sentar na praza a beber e ver as crianzas xogar ao fútbol. Faise devoto do Niño de Olivares, un cantaor flamenco, e profunda no xénero.

En xaneiro do 86, estando en Madrid, Strummer recibe unha chamada de Londres. Vai ser pai. Aparca o Dodge nun garaxe e marcha a Inglaterra. Á volta non lembra onde o aparcou. O proxecto con 091 naufraga, pero o grupo saca o primeiro disco e sela a amizade co artista británico. No mesmo ano, no verán, grava preto de Almería a película Straight to Hell, con Courtney Love, Dennis Hopper, Elvis Costello e a banda The Pogues. Para meterse no papel, non se lava. E non quita o traxe nin os lentes de sol. Acaban as sesións de rodaxe no bar Lisboa, e Joe Strummer segue co traxe e co cinto coas pistolas en plena madrugada. É verán e hai festas. Co ruído non poden durmir. E da melodía das barracas nace o hit dos Pogues, Fiesta.

Á experiencia da paternidade súmase, no 87, a morte do pai. Strummer vai de xira como guitarrista de The Pogues. Pero regresa sempre que pode á súa adorada Granada. Alí ninguén lle molesta. É feliz na praia e no Jo Bar. Péchao moitas veces. Un día achégase a eles Fabrizzi, un vagabundo granadino que tocaba no acordeón versións de Tchaikovski, Bach ou rock and roll. Dinlle que aquel tipo é Joe Strummer. El non os cre e pregúntalle directamente se o é. Entón, para cerciorarse, o vagabundo comeza a tocar Jimmy Jazz, e logo Fought the law. Strummer cántaas perfectamente e Fabrizzi convéncese. Cando rematan, unha parella inglesa tíralles unhas moedas e dinlles que imitaron moi ben a The Clash.

Strummer compón música para películas, viaxa, sempre coa súa libreta e as súas notas. Durante a Guerra do Golfo, ve con horror e tristeza como un dos mísiles norteamericanos leva inscrito no exterior Rock the Casbah, un dos éxitos de The Clash.

No 97, dende o Festival de Glastonbury, envía unha mensaxe dende Radio 3: “Hombres y mujeres, necesito un Dodge! Es blanco perla, tiene techo vinilo negro”. No 99 monta The Mescaleros e volve xirar por todo o mundo. Fantasía con montar unha ferraría en Andalucía e encontrar os restos de Lorca no ceo azul. Pero un ataque ao seu corazón de aceiro "inolvidable" en 2002, quince días despois do seu último concerto, acaba coa vida do trobador. Non lle escribiu a canción a Lorca, pero quédanos Spanish bombs. "Canciones españolas en Andalucía/ los puestos de artillería en los días del 39/ Oh, por favor, deja la ventana abierta/ Federico Lorca ha muerto:/ agujeros de bala en las paredes del cementerio/ los coches negros de la Guardia Civil”.

Poeta en Granada
comentarios