sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Idiota

MOITOS pensarían que era imposible atopar nas máis altas esferas do poder xente con idiocia, pero ante a evidencia calan, sofren, aguantan o tirón e calan. Disimulan como poden, encobren a situación con vergoña e agardan tempos mellores, sen saber se chegarán. E todo chega. Veñen agarradas da man, suxeitas pola ignorancia, a arrogancia, a envexa e a falsidade. Veñen e van, sen razón, sen motivo, sen permiso e sen espera, aínda sabendo do enorme mal que fan. A idiotez defínea o dicionario como «deficiencia mental profunda» e atribúelles ás persoas que se dedican á política como a aquelas que teñen calquera outra ocupación, unha intelixencia e unhas facultades afectivas sensoriais e motoras diminuídas.

Diminuídas, si señor!, arremedando a Ánxel Fole, aquel magnífico mestre da palabra e da escrita, de cando moitos dos lectores, e eu mesmo, eramos mozos. Daquela época da Luz do candil no Incio da Cruz, na Lóuzara de Samos e no Lugo da Muralla, nos lugares de Ourense, de arriba e abaixo, no Ribeiro e a Ribeira Sacra. Coa Luz do candil nas escolas todas, nas do interior e na Pontevedra costeira, nas da Coruña do Parrote, xacobea e mariñeira.

Facultades diminuídas ou anuladas, as daqueles que interpretan o mundo como o seu patrimonio e o goberno como un círculo de confianza, sen decatarse de que, a pouco que se despisten, poden convertelo en circo, mil veces lonxe do canadense Circo del Sol, integrado por magníficos pallasos, trapecistas e expertos en acrobacia, como se non soubesen que en política, e de modo especial en política sanitaria, estas artes son aínda máis perigosas.

Estes, nos que estamos, son tempos de reflexión, para repensar, para escoitar, escoitar e calar, para dar quenda á ciencia e ao sentido común. Cando veñen mal dadas é cando se precisa máis xeito, máis comprensión e entendemento, máis harmonía nas diversas accións, máis afán polo ben colectivo, máis desprezo á idiotez e aos idiotas, máis esforzo e moita máis intelixencia, para agrandar a intelección.

Se vostedes tiveran tempo, podiamos anotar nunha libreta o nome de tódolos idiotas que se coñecen. A listaxe sería útil para o conveniente ou imprescindible illamento social. A Tía Manuela teno ben claro, "entre os primeiros da listaxe, cando menos un deles".

Idiota
comentarios