viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Vaiche boa!

FALA A MÁQUINA e, aínda que lle respondan de mal xeito, queda tan pancha, non se inmuta nin cambia o seu ton monocorde e aparentemente tranquilo, por moito que a adrenalina altere o ritmo cardíaco do interlocutor. Pode darlle un patatús, un desmaio ou, mesmamente, unha lipotimia e a máquina segue coa súa: "Os axentes seguen ocupados, por favor agarde, enseguida lle atenderemos". Nisto, ao cabo duns cantos minutos, responde o axente e educadamente, cun falar de difícil comprensión, pide outra vez os motivos da chamada e antes de escoitar propón unha serie de melloras no servizo, tal como se fose outra máquina.

Señor ou señora, por favor!, quería... "Moi ben, moitas grazas por chamar, pásolle co departamento correspondente". E, outra vez, a máquina teima coa mesma canción da ocupación dos axentes. O primeiro que queda libre nalgún país non se sabe de onde, con moita atención e aparente interese, ponse ao servizo do interlocutor "para o que precise". —Dígame! Cal é o motivo da súa chamada? —Cal é o seu nome, para dirixirme a vostede? Antes de nada podemos ofertarlle importantes melloras no seu contrato. —Non, non, señora. Eu non teño ningún contrato. Quería... —Un momento por favor, pásolle cun técnico de atención ao cliente. Moitas grazas por contactar connosco e saiba que, despois de colgar, recibirá unha chamada para que poida valorar o seu grao de satisfacción coa atención recibida. Vaiche boa!

A relación entre o home e a máquina cada vez é máis estreita e a capacidade de interacción, moito maior en cada instante que pasa. A tecnoloxía vai a pasos de xigante e non para, cambia as relacións comerciais, os sistemas e os aparellos de comunicación, os costumes dos labregos apegados ao rego da auga e á terra arada ou cuberta de monte raso, de carqueixas e carrascos.

Detrás, e apurando a xogada, está o coñecemento, como di a Tía Manuela, "que bonito sería coñecelo todo ou, cando menos, saber que o coñecemento é quen ten as chaves do progreso", as mesmas que pechan a porta aos aproveitados, a aqueles que poñen a máquina a falar. Meu deus, que tampouco falen eles! Que lle deixen á xente pensar e desfrutar do silencio que se produce ao calar.

Vaiche boa!
Comentarios