domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Temos cornos e rabo?

SEICA O demo cheira a xofre. Disque os nacionalistas somos o demo, un perigo que hai que erradicar como as malas herbas. Se cadra solucionan o problema fumigándonos con glifosato, ese tan discutido herbicida desenvolvido por Monsanto. De calquera maneira, mellor ulir a xofre que, polo que semella, non é tan nocivo, aínda que tamén o é.

Brincadeiras á parte, coido que esta opción política é tan legal como a que máis. De non ser así, non nos terían ilegalizado? Que os nosos políticos e políticas electos xuran ou prometen cumprir a Constitución por imperativo legal? E logo non é esa unha clara declaración de respecto á lei con cuxa totalidade non concordamos? Que a Constitución é a Biblia? Pois que se cumpra enteira, incluídos os artigos que falan do dereito ao traballo e á vivenda ou o que declara a igualdade de todos os españois. Que somos separatistas? E non será que nos sabemos discretos, é dicir, unha unidade distinta, delimitada, dentro do Estado?

Torpes serían os meus pais se tivesen decretado a igualdade absoluta das sete fillas e o fillo. Primeiro, porque non a conseguirían e, segundo, porque terían que chegar a un acordo sobre o modelo ideal, o canon por eles definido, da perfección. Porén, si que intentaron inculcarnos uns valores comúns tales como o respecto á vida, a solidariedade, a compaixón, o desinterese e outras virtudes que cadaquén practicamos segundo podemos. E, seguramente, sen pretendelo, tamén nos deixaron lastres que non nos permiten voar como quixéramos.

Quen se autodenominan constitucionalistas, erran no propósito de eliminar calquera diferencia en aras do modelo que consideran máis español e mellor. Uns ven na Constitución todas as virtudes democráticas desexábeis. Outros van máis atrás no calendario e remítennos a tempos predemocráticos, a vulnerar claramente a chamada Carta Magna. Nós, os e as de cornos e rabo, temos, como na canción "El pintor", "ganas de vivir la vida sin pesares ni tormentos", sede dun país prohibido, dunha lingua prohibida, dun poder de decisión prohibido, dun proxecto cara a un futuro prohibido.

A favor de nós, en contra de ninguén, queremos ser. Ser para sumar. Ser para existir. Dixérao Nietzsche, repetiuno Risco cando aínda o medo non lle virara o rumbo: "Ser existente é ser diferente". Mais, velaí o problema. Os da verdade única non admiten desemellanzas, pensamentos diversos, a non ser que estea en xogo a poltrona. Daquela, tragan sapos e cobras como se dun manxar exquisito se tratase. Non é preciso que poña exemplos.

Romper España? Non, deconstruíla (non destruíla), repensala, cuestionar moitos dogmas para que ninguén sobre.

Temos cornos e rabo?
Comentarios